O BNG de Ourense pide unha exposición pública do PXOM tralo anuncio do goberno municipal de enviar o expediente á Xunta de Galicia.
«Ao longo de todo o que levamos de mandato e boa parte do anterior, o Goberno Local nunca tivo a ben chamarnos para falar do PXOM pese a telo pedido en reiteradas ocasións e pese a ter acudido sempre que fomos convocados pola alcaldía para abordar este tema», indicou Luís Seara.
O BNG pide unha exposición pública do PXOM
Lembran desde o BNG da importancia de «aprobalo canto antes e poder desenvolver o Concello dos próximos 20 anos, ofrecendo seguridade xurídica a todas aquelas persoas ou empresas que decidan investir en Ourense» pero inciden na importancia «dunha nova exposición pública que permita á veciñanza no seu conxunto coñecer o documento actual e poder facer as achegas e alegacións que considere precisas».
Desde o BNG solicitan que o PXOM sexa «un documento que aposte pola sustentabilidade» nunha cidade que conta con 17.000 vivendas baleiras. Tamén destacan que «a práctica totalidade da edificabilidade concéntrase na propia cidade, eliminando as zonas urbanizábeis no perímetro rural, contrinxindo deste xeito o seu espallamento».