Noticias

O BNG alerta de que a supresión da ORA agravou os problemas de tráfico en Ourense

O BNG asegura que a eliminación da ORA en Ourense provocou o efecto contrario ao anunciado polo goberno municipal, con menor rotación de vehículos, máis dificultades para estacionar e un incremento do tráfico, do ruído e da contaminación, ademais dun maior custo para as arcas municipais.

Ourense, 27 de xaneiro de 2026. O Grupo municipal do BNG denunciou nas Xuntas de Área celebradas hoxe no Concello de Ourense a falta de respostas do executivo local ás preguntas formuladas sobre a liquidación presentada pola empresa concesionaria da ORA.

O BNG alerta de que a supresión da ORA agravou os problemas de tráfico en Ourense

Segundo explicou o portavoz municipal, Luís Seara, “a compañía reclama preto de 800.000 euros, incluíndo xuros e calculados en base aos prezos actuais, sen que o Concello aclarase se vai asumir tamén a liquidación das traballadoras e dos traballadores afectados”.

O BNG alerta de que a supresión da ORA agravou os problemas de tráfico en Ourense
Foto: BNG

Os nacionalistas cuestionaron tamén a continuidade da actual empresa na prestación do servizo do guindastre municipal, ao entender que se mantén “cun contrato caducado, con vehículos en mal estado e cobrando tarifas actuais”. Para o BNG, esta situación é consecuencia directa da falta de previsión e da improvisación na xestión, o que provoca que a cidade estea agora á espera dun novo contrato cuxa data de licitación non foi concretada.

Na mesma sesión, o BNG solicitou unha valoración oficial dos primeiros días tras a supresión da ORA, advertindo xa da aparición de problemas de estacionamento en varias rúas, así como dun aumento do tráfico rodado, do ruído e da contaminación, derivados do uso prolongado do espazo público para o aparcamento.

2.800 multas de velocidade

Por outra banda, Seara denunciou a falta de transparencia nos datos sobre os radares de control de velocidade, ao indicar que xa se rexistraron máis de 2.800 multas, “sen que se facilitase o desglose por cada un dos radares instalados”.

Na Xunta de Área de Urbanismo, o concelleiro nacionalista Xosé Manuel Puga preguntou polo proxecto de hotel balneario previsto no antigo balneario das Caldas e pola repercusión que podería ter sobre a Fonte do Tinteiro, unha cuestión que, segundo o BNG, xera preocupación polo seu posible impacto patrimonial e ambiental.

Finalmente, os nacionalistas trasladaron a inquedanza da veciñanza do barrio de Santa Ana pola reapertura dun local de alterne aberto as 24 horas, lembrando que nas inmediacións existen un centro escolar e unha parada de autobús. Neste sentido, solicitaron explicacións sobre o tipo de licenza coa que conta o establecemento e sobre os motivos polos que se permitiu a súa reapertura.

Botón volver arriba