O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou este luns aos mozos e mozas da provincia que cumpren 18 anos durante este 2025 a aproveitar a oportunidade que lles ofrece o Bono Cultural Xove.
Fíxoo durante unha visita á Libraría Eixo, un dos establecementos adheridos a este programa impulsado polo Ministerio de Cultura.
O Bono Cultural Xove ofrece 400 euros aos mozos de Ourense
Eladio Santos lembra que hai dispoñibles 400 euros para cultura e o prazo remata o 31 de outubro.

Santos reafirmou o compromiso do Goberno de España co acceso igualitario á cultura. “Este bono, que chega á súa cuarta edición, ten un dobre obxectivo: fomentar a participación activa da mocidade na vida cultural e apoiar ao sector cultural, que é esencial para a nosa sociedade”, sinalou.
En Ourense, preto de 2.000 mozos e mozas poderán beneficiarse desta axuda directa de 400 euros. A tarxeta prepago pode empregarse durante un ano en establecementos e entidades culturais adheridas de toda España, que xa superan os 3.700. A nivel estatal, o programa poderá beneficiar a máis de 534.000 persoas.
O subdelegado explicou que para obter o bono é necesario rexistrarse na web www.bonoculturaljoven.gob.es antes do 31 de outubro, empregando un medio de identificación dixital como o Certificado Dixital ou a Cl@ve. “É un trámite sinxelo, pero hai que facelo no prazo para non perder esta oportunidade”, insistiu Santos.
O Bono Cultural Xove distribúe os 400 euros en tres liñas de gasto para facilitar o acceso a diferentes tipos de produtos e servizos culturais:
- 200 € para artes vivas, patrimonio cultural e audiovisuais (teatro, cine, concertos, museos…).
- 100 € para produtos culturais físicos (libros, revistas, videoxogos, discos…).
- 100 € para consumos dixitais (plataformas de música, audiolibros, prensa dixital ou podcasts).
Eladio Santos concluíu a súa intervención subliñando que “a cultura é un dereito, non un luxo, e iniciativas coma esta contribúen a facela máis accesible e diversa para a mocidade”.