Entrevistas

Borja López: autocrítica e mocidade no socialismo ourensán

Borja López Fernández, excoordinador provincial das Xuventudes Socialistas de Ourense, analiza nesta entrevista o seu percorrido político, a etapa á fronte da organización xuvenil e a súa saída repentina do cargo.

O mozo socialista defende a autocrítica, a ética feminista e o papel da mocidade como motor de cambio, á vez que aborda as tensións internas no PSdeG-PSOE de Ourense e anima a participar para transformar a realidade desde a base.

Entrevista a Borja López Fernández

Borja López: autocrítica e mocidade no socialismo ourensán
Borja López Fernández

Como e cando te incorporas ás Xuventudes Socialistas e que che leva a implicarte activamente na política?

A miña vinculación co socialismo vén de moi atrás. Desde moi novo medrei nun entorno no que me transmitiron valores como a igualdade de oportunidades, a xustiza social, o feminismo, a solidariedade, a defensa dos servizos públicos e o compromiso coas persoas que máis o necesitan. Co paso do tempo entendín que eses valores non podían quedar só no plano persoal, senón que podían e debían trasladarse á acción política.

A miña incorporación ás Xuventudes Socialistas nace precisamente desa convicción, a de que o socialismo é un proxecto de ideas, non de nomes propios. Ideas que demostraron historicamente que poden transformar a realidade e mellorar a vida da cidadanía. Sempre crin nunha política centrada nas persoas, non na ocupación de cargos ou poltronas. Para min, a política ten sentido cando serve para mellorar a vida da xente, e ese foi o principal motor que me levou a implicarme activamente.

En 2025 asumes a coordinación provincial das Xuventudes Socialistas de Ourense. Con que obxectivos chegaches ao cargo e que balance fas hoxe desa etapa?

Asumín a Coordinación Provincial con moita ilusión e, sobre todo, co respaldo e a confianza de todas as miñas compañeiras e compañeiros. Desde o primeiro momento tiven claro que quería fortalecer o traballo colectivo e mellorar as dinámicas internas, apostando pola participación e pola suma de sensibilidades. Entendín que ninguén sobraba e que toda a militancia podía achegar algo a este proxecto.
Un dos meus obxectivos principais foi reforzar a coordinación co partido, desde o respecto mutuo e o diálogo permanente, entendendo que Xuventudes é unha organización política con voz propia, autónoma do partido, pero tamén parte dun proxecto común. Quería que Xuventudes Socialistas demostrase que é unha organización política con entidade propia, que serve para algo máis que cubrir listas electorais ou pegar carteis, e que a xente nova ten capacidade, criterio e lexitimidade para facer política por si mesma.

O balance que fago é claramente positivo. Creo que se avanzou en visibilidade, en presenza política e en reivindicar unha forma de facer política máis desinteresada, máis centrada nas ideas que nas ambicións persoais, algo que creo que a cidadanía valora especialmente.

Borja López Fernández

Durante o teu mandato, as Xuventudes gañaron visibilidade e adoptaron un ton máis crítico. Que reacción xerou dentro do partido?

Máis que crítico, gústame definilo como un ton esixente, inconformista e, ás veces, tamén irreverente. Entendo que a mocidade ten que achegar unha mirada propia da política e, nalgúns casos, máis valente. Esa forma de actuar atopou apoios claros dentro do partido, especialmente entre quen cre que a autocrítica e a esixencia interna fortalecen os proxectos políticos.

Evidentemente, como en calquera organización grande, houbo opinións diversas. Sempre procurei manter unha relación cordial e respectuosa coas dúas direccións provinciais que houbo durante o meu mandato e, en particular, cos Secretarios Provinciais, aos que sempre recoñezo unha traxectoria política moi meritoria, especialmente por ter sido ambos alcaldes socialistas en municipios onde gobernar desde a esquerda non era unha tarefa doada.

A túa saída como coordinador foi repentina. Como se produce e que explicacións che deron desde a dirección?

A miña saída prodúcese nun contexto interno moi delicado para o partido, marcado por situacións graves polos presuntos casos de acoso que requirían máxima responsabilidade por parte de todos. Desde o meu punto de vista, o foco debía e debe estar sempre en apoiar ás vítimas e en actuar con rigor e sensibilidade.

A explicación trasladada desde a dirección galega foi que se trataba dunha cuestión de ámbito estritamente provincial. Persoalmente, nun momento tan complicado, botei en falta algunha chamada ou xesto de compañeirismo por parte dalgún membro da dirección, aínda que recibín máis dun cento de chamadas e mensaxes de compañeiras e compañeiros de Xuventudes de Galicia e de toda España, así como de cargos institucionais do partido, algo que valoro e agradezo profundamente.

Denunciaches unha “caza de bruxas” interna. A que feitos concretos te refires?

Utilicei esa expresión para describir unha sensación de sinalamento que se produciu tras a publicación dun comunicado conxunto asinado por alcaldesas, alcaldes, deputados provinciais e voceiros municipais do partido, no que se pedía claridade e responsabilidade ante feitos tan graves como os presuntos casos de acoso sexual no seo do partido. Creo que, nalgúns casos, interpretouse erroneamente como un ataque persoal ou político, cando a intención era precisamente a contraria: fortalecer o partido desde a ética e a coherencia feminista.

A partir de aí tomáronse decisións que non comparto, pero que respecto como parte da dinámica interna dunha organización. Na miña opinión, o debate e a discrepancia non deberían entenderse como unha ameaza, senón como unha oportunidade para mellorar a organización.

Cres que no PSdeG-PSOE de Ourense existe un problema estrutural de loitas internas?

En todas as organizacións existen debates e tensións, como se adoita dicir “en todas as casas cócense fabas”. A discrepancia, ben xestionada, é sa e necesaria. É certo que ás veces proxéctase unha imaxe de conflito permanente, pero iso para nada é exclusivo de Ourense nin do noso partido.

Non creo que a solución pase por falar dun relevo xeracional en bloque. O que realmente necesitamos é fomentar o traballo en equipo, construír pontes entre xeracións e manter sempre o respecto polas distintas formas de entender a política. A combinación da experiencia de quen leva máis tempo na política coa enerxía e a mirada fresca da mocidade é unha fortaleza da que todos nos podemos beneficiar, porque cada un ten moito que achegar e todos podemos aprender uns dos outros.

Tras o ocorrido, como queda a túa relación co partido e coas Xuventudes Socialistas? Pensas seguir na política?

A miña relación co partido e con Xuventudes é diversa, como ocorre en calquera organización grande. Recibín moito apoio e afecto, e iso pesa máis que calquera discrepancia puntual. Nunca pretendín gustar a todo o mundo, pero si traballar desde o respecto e a educación con todos.

A política forma parte da miña maneira de entender a sociedade e do compromiso cívico que todos temos como cidadáns, e para min iso non depende de ocupar cargos nin de ter visibilidade pública. Creo firmemente que tamén desde unha segunda liña se pode achegar moitísimo, acompañando, apoiando e xerando ideas que contribúan ao crecemento da organización. Estou convencido de que se as dinámicas internas evolucionan cara un clima máis construtivo e de diálogo, as Xuventudes Socialistas teñen un enorme potencial para facer moi boa política, para formar novas xeracións de militantes e para demostrar que a mocidade podemos ser un motor de cambio real e responsable cos valores que defendemos.

Para rematar, que mensaxe enviarías aos mozos que queren implicarse no socialismo ourensán pero perciben un clima interno de conflito?

Diríalles que os cambios reais só se conseguen participando deles. A política segue a ser a principal ferramenta para transformar a realidade e mellorar a vida da xente. Se un cre niso, implicarse vale a pena.
A política real é moito máis complexa que a teoría, porque non só se trata de coñecer leis ou estruturas, senón de entender as necesidades da xente, escoitar, negociar e chegar a acordos que realmente melloren a vida das persoas. Por iso estudei Ciencias Políticas e da Administración, porque sempre me interesou como se transforman as ideas en accións concretas que teñan un impacto real na sociedade. Pero o meu obxectivo de vida non é vivir da política.

Pero ser útil en política non depende de ocupar cargos públicos. A militancia de base é fundamental. Desde aí tamén se pode aprender, achegar ideas, participar en decisións e traballar polos demais, mesmo sen ter visibilidade nin un posto público. Por iso animo a todos os mozos que queiran implicarse a entrar, a formarse, a debater, a achegar a súa mirada e a súa enerxía. Só así podemos construír organizacións máis fortes, máis abertas, máis xustas e capaces de transformar a realidade da nosa provincia e do noso país.

Botón volver arriba