O goberno municipal de Ourense presentará este outono a ordenanza para implantar a gratuidade do servizo de autobuses urbanos, coa previsión de que entre en vigor a mediados de 2026.
Así o anunciou o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, na xunta de portavoces celebrada esta mañá na Alcaldía.
O pleno decidirá a gratuidade do bus en Ourense
A medida quedará recollida nunha modificación da ordenanza municipal reguladora do transporte e aplicarase co novo contrato do servizo e o orzamento do Concello para 2026. Segundo indicou o rexedor, os grupos políticos mostraron boa disposición a apoiar a proposta no Pleno.

Xácome tamén confirmou que o vindeiro martes, 16 de setembro, entrará en servizo a nova rede de liñas urbanas. O período de adaptación estenderase ata o 22 de setembro, semana na que os autobuses funcionarán de maneira gratuíta. “Non se pode frear porque é unha mellora para a maioría. O 95% da xente vai saír beneficiada”, subliñou o alcalde.
Na mesma reunión, o executivo local expuxo a modificación de crédito para mobilizar 25 millóns de euros en investimentos. O plan recolle 11 actuacións en infraestruturas, medio ambiente, limpeza, rehabilitación e urbanismo. Entre elas, destacan as ramplas mecánicas da Cuña e da Rampla de Sas, así como a mellora de parques da cidade.