O Concello de Barbadás volve apostar pola conciliación familiar e laboral durante as vacacións escolares co lanzamento do seu Campamento de Nadal.
Esta iniciativa promovida pola área de Educación ofrecerá actividades lúdicas e creativas para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
Barbadás abre inscricións para o seu Campamento de Nadal
A concelleira de Educación, Marga Pérez, destacou que “este ano contamos cun horario máis amplo para axudar na tan necesaria conciliación familiar e laboral”. O campamento desenvolverase no Espazo Infantil os días 22, 23, 29 e 30 de decembro e o 7 de xaneiro, en horario de 8:30 a 14:00 horas.
Durante as xornadas haberá xogos cooperativos, obradoiros e actividades temáticas centradas na creatividade e o lecer. “Haberá xogos cooperativos e obradoiros, pero sobre todo, moita diversión cos novos e novas amigas”, sinalou Pérez. Entre as propostas destacan un obradoiro de creación de adornos de Nadal, outro de cociña, sesións de cine temático e mesmo unha caza do tesouro.

As familias interesadas poden consultar as bases e descargar o modelo de solicitude na web municipal. As inscricións estarán abertas do 17 ao 28 de novembro tanto na Casa Consistorial como nas Oficinas Municipais da Valenzá.