O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Xuventude, Tamara Silva, deron esta mañá a benvida, nas escaleiras de Santa María Nai, aos case 800 escolares que participan no Campamento Urbano organizado pola asociación xuvenil Amencer coa colaboración do Concello.
Esta cita estival, que se desenvolve do 1 ao 13 de agosto, ofrece actividades gratuítas para nenos e nenas de entre 8 e 16 anos, e celebra este ano a súa 38ª edición baixo o lema “Unha historia con futuro”.
O Campamento Urbano Amencer 2025 bate todas as marcas
Pérez Jácome destacou o “récord histórico” de inscricións acadado en 2025, con preto de 800 rapaces e rapazas. A estes hai que engadir outros 93 no Campamento Urbano Xuvenil e 99 voluntarios que fan posible a iniciativa.

O rexedor felicitou á asociación Amencer, ao colexio Salesianos e á mocidade participante polos bos resultados desta veterana proposta.
Ata o momento, o programa desenvolveu xornadas temáticas como o Día da benvida, da cultura urbana, da provincia ou da xuntanza. Este venres, os participantes realizan unha visita ao centro histórico e diferentes xogos e buscas pola cidade. A vindeira semana, a actividade continuará con citas como o Día dos parques, o Día da auga e o da despedida.