O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, fixo este luns un chamamento á cidadanía para evitar conducir baixo os efectos do alcohol ou das drogas, ao advertir que este comportamento estivo presente no 60% dos accidentes mortais rexistrados na provincia no que vai de ano.
Fíxoo durante a presentación da campaña especial de control de alcol e drogas, que se desenvolverá ata o 20 de xullo en vías urbanas e interurbanas.
Ourense intensifica controis de alcol e drogas ao volante
Durante o acto, celebrado na estrada OU-101, Santos estivo acompañado polo xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, Javier Barja, e polo xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), David Llorente. Alí alertou das “terribles consecuencias” que implica o consumo de sustancias ao volante, e lembrou que, dos cinco sinistros mortais rexistrados este ano, tres tiveron como causa principal a presenza de alcol ou drogas.

A campaña, de carácter nacional, inclúe tanto estradas convencionais como rúas de núcleos urbanos. Na provincia de Ourense contan coa colaboración das Policías Locais do Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e Trives. Santos salientou que «non se pode baixar a garda nin dentro das vilas nin fóra«, e que estas campañas de vixilancia «son esenciais para manter a seguridade viaria«.
En canto ás cifras, no que vai de ano impuxéronse 1.024 sancións administrativas por consumo de alcol ou drogas ao volante, que supuxeron a retirada de máis de 4.700 puntos do carné de conducir. Ademais, entre a Garda Civil e as Policías Locais foron formulados máis de 200 atestados por delitos de alcoholemia positiva. Os casos positivos en drogas, pola súa banda, foron tramitados maioritariamente como sancións administrativas.
O subdelegado lembrou tamén que desde marzo de 2022 rixe a taxa 0 de alcol para condutores menores de idade (con permisos AM e A1) e que está en tramitación unha nova regulación para establecer unha taxa de 0,1 mg/l en aire exhalado para todos os condutores. No tocante ás drogas, advertiu que se sanciona a súa mera presenza no organismo do condutor. “A mensaxe é clara: drogas e condución son totalmente incompatibles”, concluíu.