Ourense converterase no epicentro da ximnasia acrobática entre o 18 e o 22 de xullo coa celebración do Campionato de España Divina Seguros e Nacional Base de Trampolín 2025, que regresa á cidade por terceira vez.
O evento desenvolverase no Pazo dos Deportes Paco Paz e reunirá a preto de 600 deportistas de 29 clubs procedentes de 11 Comunidades Autónomas, cunha ampla representación galega.
Ourense acolle o Campionato de España de Trampolín con 600 ximnastas
O mellor trampolín estatal regresa ao Paco Paz do 18 ao 22 de xullo.

A edición deste ano chega marcada polo crecemento da disciplina a nivel estatal e polos éxitos internacionais das e dos ximnastas españois. A participación de figuras como Noemí Romero e David Vega, os primeiros representantes olímpicos da especialidade en España, é un dos grandes reclamos da competición. Romero, que acadou a novena posición nas olimpiadas de París, estará presente en Ourense, así como a galega Melania Rodríguez, que vén de gañar o ouro na Copa do Mundo de Riccione.
Galicia, potencia nacional
Galicia será a comunidade con maior presenza no campionato, con máis de 100 ximnastas en competición, destacando o traballo desenvolvido polos clubs Escola Burgas e Club Ximnasia Pavillón Ourense (CXP), que desde hai anos apostan polo trampolín como disciplina en crecemento.
A espectacularidade dos saltos, a altura acadada e a dificultade técnica dos exercicios fan do trampolín unha modalidade vibrante, capaz de sorprender tanto a afeccionados coma a público xeral.
Organización e apoio institucional
O Club Ximnasia Pavillón, anfitrión do evento, mobilizará a súa directiva, corpo técnico, deportistas e familias para garantir o bo desenvolvemento do campionato, formando parte esencial do voluntariado.
Na presentación do evento participaron representantes das administracións e entidades organizadoras, entre eles Patricia Blanco Valdés (CXP), José Manuel Estévez Feijóo (FGX), Simon Richman (RFEG), Ana Fernández Nieto (Concello de Ourense) e Quique Álvarez Fernández (Deputación).
Ourense prepárase así para vivir cinco días intensos de deporte, emoción e espectáculo, consolidándose como praza destacada da ximnasia trampolín en España.