O Campionato Galego Máster indoor reunirá esta fin de semana en Expourense a elite do atletismo veterano, cun nivel de referencia mundial no XXI Campionato Xunta de Galicia máster en pista cuberta.
A competición desenvolverase o sábado desde as 10:00 h e contará con máis de medio milleiro de participacións. Destaca a presenza de algunhas das figuras máis destacadas do atletismo galego máster.
Expourense acolle o Campionato Galego Máster indoor con estrelas mundiais
Entre elas sobresaen dúas plusmarquistas mundiais: Esther Pedrosa (Dawako Atletismo), que competirá nos 400 m e 800 m F60. Tamén competirá Juan Manuel Morales (Marineda Atletismo), inscrito nos 3000 marcha M45.

Outro dos grandes focos estará posto no plusmarquista de España de pentatlón M65, Carlos Ferrer (Samertolameu). Este liderará a proba de combinadas, xunto a varios campións e campioas de España da edición celebrada o pasado ano en Antequera.
Entre os nomes propios figura tamén Amalia San Martín (Egovarros de Viveiro), que tomará parte nas probas de velocidade F75. Víctor José Méndez (Atlético Rías Baixas) parte como favorito nos 60 valos M45, mentres que Jacinto Cea (Samertolameu) competirá nos 3000 marcha M75, tras bater recentemente o récord galego dos 10 km marcha en ruta o pasado 25 de xaneiro en Marín. Pola súa banda, Ramiro Méndez (A Gándara) será outro dos campións de España presentes, nos 800 m M65.
O atleta Pablo Fervenza (Samertolameu), un dos M70 con máis medallas internacionais dos últimos anos, será un dos grandes protagonistas ao competir nos 800 m e 1500 m.
O campionato contará tamén con tres subcampións de Europa. Ros Sureda (Lucus CRG) estará no salto de altura F60, Basi Bernárdez (A Silva) na lonxitude M50 e Sergio Rodríguez (Gimnástica) nos 200 m M35.
Competindo en lanzamentos
Nos lanzamentos, a atención centrarase en Helena Rey (Gimnástica) na F50 e Javier Viteri (Samertolameu) na M60. Non debemos esquecer a Lucía Ferreiro (Atlético Sada), explusmarquista de España, que competirá no salto con pértega F45.
Completan unha participación de luxo atletas como a olímpica Julia Vaquero (Veteranos de Samil) na F55, Montse Fernández (Atlético Sada) tamén na F55, María Mesías (Riazor Coruña) na F45, María de los Ángeles Rodríguez (Atlético A Silva) na F65, Luz María Domínguez (Burgas Ourense) na F60, Lina García (Atlético Sada) na F55 e Manuel Paredes (Atlético Barbanza) na M55, entre outros.

