Os Clubs Ximnasia Pavillón e Escola Pavillón brillaron no Campionato Galego de Rítmica nivel Promoción-Prebase e Ximnasia Estética de Grupo, disputado en Ourense, cun total de cinco medallas.
A cita congregou a máis de 600 ximnastas de toda Galicia ao longo dunha intensa xornada de competicións.
Cinco medallas para os Clubs Pavillón no Galego de Rítmica
Os Clubs Ximnasia Pavillón e Escola Pavillón puxeron o broche de ouro á tempada autonómica cunha destacada participación no Campionato Galego de Rítmica nivel Promoción-Prebase e Ximnasia Estética de Grupo, celebrado o sábado 7 de xuño no Pavillón dos Remedios de Ourense.
Ambas entidades ourensás acudiron con 55 ximnastas e lograron uns resultados brillantes: cinco medallas (dúas de ouro, unha de prata e dúas de bronce), ademais dun 4º e un 5º posto moi disputados.
Na xornada de mañá, o conxunto xuvenil prebase finalizou no 10º posto tras cometer algúns erros. Pola súa banda, os conxuntos xuvenil e benxamín promoción fixeron excelentes exercicios que lles permitiron acadar a medalla de bronce nas súas respectivas categorías.
Xa pola tarde, os conxuntos alevín e infantil prebase rozaron o podio ao quedar en 4ª e 5ª posición, respectivamente, ambos a tan só tres décimas das medallas. O conxunto infantil promoción foi 7º clasificado, e na modalidade individual, Carlota García-Peñuela obtivo un meritorio 6º posto na categoría cadete prebase.

No apartado de Ximnasia Estética de Grupo, que se estreaba este ano como disciplina autonómica, os conxuntos do Escola Pavillón acadaron resultados excelentes:
- Ouro para o conxunto infantil 10-12 (programa longo)
- Ouro para o junior mixto
- Prata para o conxunto senior (programa curto)

Este excelente peche de tempada únese á final escolar celebrada en Ferrol o pasado fin de semana, pero a actividade do club non se detén. As próximas semanas virán cargadas de citas nacionais de alto nivel:
- 18-19 de xuño, Guadalajara: Nacional Individual Masculino, con José Vázquez e Eduardo Montero
- 29 de xuño, Santander: II Fase Copa de España conxuntos élite (infantil e senior)
- 11-13 de xullo: Nacional de Ximnasia Estética de Grupo (junior mixto e senior)