Nunha xornada marcada polo bo tempo e unha notable afluencia de público, o encoro das Salas (Muiños) foi escenario este domingo do Campionato Provincial de Piragüismo, que tamén supuxo a primeira regata da Liga Provincial puntuable para a Copa Deputación 2025.
A cita, organizada pola S.C.D.X. Fontefría e a Federación Galega de Piragüismo, contou coa colaboración do Concello de Muiños e da Deputación de Ourense.
Gran ambiente e altas marcas no Campionato Provincial de Piragüismo en Muiños
O encoro das Salas acolleu este domingo a primeira regata da Liga Provincial, puntuable para a Copa Deputación 2025.

Participaron 77 deportistas (51 homes e 26 mulleres) en representación de todos os clubes da provincia, que se enfrontaron a diferentes distancias segundo as categorías: 1.000 metros para pre-benxamíns, benxamíns e alevíns; 2.000 metros para infantís; e 4.000 metros para cadetes.
Dominio do Piragüismo Ourense
O club Piragüismo Ourense foi o gran dominador da xornada, tanto en número de vitorias individuais como na clasificación xeral por equipos, na que se impuxo ao Fluvial Allariz e á S.C.D.X. Fontefría de Muiños, segundo e terceiro respectivamente.

Entre os triunfos individuais, destacaron os de Borja Feijoo e Inés Arias (cadete), Alba González e Thiago Paz (infantil), así como Nicolás Carbajal, Isabella Rodríguez e Jara Paz nas categorías alevíns. Outros vencedores foron José Manuel Bocigas e Sara Silva en pre-benxamín, representando á S.C.D.X. Fontefría, e Mauro Quintas (Fluvial Allariz).
Clasificación final por clubes:
- Piragüismo Ourense
- Fluvial Allariz
- S.C.D.X. Fontefría (Muiños)
- Fluvial O Barco
- Fluvial Avión-Castrelo de Miño
- Náutico Ribeiro
O evento reafirma o bo momento do piragüismo ourensán e a importancia da Liga Provincial como canteira de novos talentos no deporte náutico.