O Pavillón Municipal dos Remedios de Ourense será escenario esta fin de semana do Campionato de España de ximnasia estética de grupos, que reunirá máis de 500 deportistas de todo o país.
A competición desenvolverase desde mañá, venres 11 de xullo, ata o domingo 13, e contará coa participación de equipos procedentes de 11 comunidades autónomas e de todas as categorías, desde infantil até sénior.
Ourense acolle o Campionato de España de ximnasia estética de grupos
Máis de 500 deportistas competirán esta fin de semana no Pavillón dos Remedios nun evento que consolida a Ourense como referente en turismo deportivo.

O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación oficial do evento, organizada pola Real Federación Española de Ximnasia, coa colaboración do Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, entre outras entidades e patrocinadores.
Na presentación estiveron presentes o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez; e a presidenta do Club Ximnasia Pavillón, Carmen Blanco.
Presenza destacada do club local
O Club Ximnasia Pavillón estará representado por tres equipos: un xúnior mixto, campión da primeira edición celebrada en Granada; un alevín e un sénior. A presidenta da entidade, Carmen Blanco, destacou o orgullo de competir na casa cun torneo que atraerá a elite nacional da disciplina.
Segundo indicou José Manuel Estévez, o campionato contará con ximnastas que veñen de participar no mundial da especialidade, entre elas dúas galegas, o que garante un alto nivel competitivo. Tamén animou a cidadanía a achegarse ao pavillón para gozar dun espectáculo único.
Ourense como sede de eventos deportivos
Aníbal Pereira cualificou como “unha bendición” que eventos coma este teñan lugar en Ourense, e subliñou o compromiso institucional coa promoción do turismo deportivo: “Cremos que o turismo deportivo nunha cidade como a nosa estase convertendo nun elemento fundamental. Esta é a aposta, e máis nun deporte tan consolidado en Ourense como é a ximnasia”.
Pola súa parte, Manuel Pérez afirmou que a cidade vive un “excelente momento” no ámbito dos eventos deportivos, e subliñou que a ximnasia é “un dos deportes top da cidade e da provincia”.
Que é a ximnasia estética de grupos?
A ximnasia estética de grupos é unha disciplina que destaca polo movemento natural, estilizado e sincronizado do corpo. Combina dinamismo, ritmo e harmonía cun uso eficiente da forza, convertendo a expresión artística e emocional nun deporte de competición grupal.
O programa do campionato inclúe a entrega de credenciais e os quecementos oficiais na xornada do venres, mentres que o sábado se disputarán as roldas preliminares e o domingo as finais, todas no Pavillón dos Remedios.

