O Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense veñen de presentar o convenio de colaboración que permitirá declarar os campus norte e sur como espazos libres de fume e aerosois, coincidindo coa celebración do Día das Universidades Saudables.
A iniciativa busca crear contornas seguras e saudables. O obxectivo é reducir a exposición ao tabaco, desnormalizando o seu consumo en espazos públicos e apoiando a mocidade que queira deixar de fumar.
A UVigo converte o Campus de Ourense en espazo sen fume
O acordo tamén pretende servir de exemplo de cambio social e normativo para mellorar a calidade de vida da cidadanía.

No acto de presentación interviñeron o presidente provincial da AECC, Germán Rodríguez-Saá López; o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez; e a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen salientaron a importancia dun campus comprometido coa saúde.
A Universidade de Vigo comprométese a aplicar e difundir as medidas necesarias para a prohibición de fumar nos seus espazos. Pola súa parte, a AECC fornecerá recursos de sinalización, accións formativas e servizos de apoio a quen decida abandonar o tabaco.
Con este convenio, o Campus de Ourense convértese en referente na promoción dunha universidade máis saudable, libre de fume e comprometida coa prevención.