O VII Car Outlet Ourense abriu hoxe as súas portas en Expourense, convertido xa nun referente para quen busca un coche de ocasión con garantías e prezos competitivos.
Expourense acolle esta fin de semana unha nova edición do salón do vehículo de ocasión, co obxectivo de dinamizar as vendas na provincia
O VII Car Outlet Ourense arrinca con 440 vehículos e grandes descontos
A feira, organizada por Expourense e ACAUTO (Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense), reunirá ata o domingo a 15 concesionarios que representan a 27 marcas, practicamente todas as que operan no mercado español.
Ao longo desta fin de semana, os visitantes poderán escoller entre 440 vehículos kilómetro cero, seminovos ou de ocasión. Todos os vehículos contan con importantes descontos, financiamento flexible e entrega inmediata. Os coches contan con garantía oficial, que pode chegar ata os 10 anos nalgúns casos, e supoñen unha opción máis accesible fronte ao vehículo novo.
A feira ofrece un abano completo de opcións: desde modelos recentemente matriculados ata outros con ata sete anos de antigüidade. A variedade tamén chega ás motorizacións, cunha presenza cada vez maior de híbridos e eléctricos. Neste sentido, a cita reflicte o crecemento de marcas asiáticas como MG, Omoda ou Jaecco. Tamén estarán marcas eléctricas como Leap Motor ou ByD; e a reconversión de marcas como EBRO, agora centrada en vehículos utilitarios.
Boas oportunidades por prezos económicos
Desde ACAUTO sinalan que o perfil máis demandado segue a ser o coche diésel, con entre 1 e 4 anos de antigüidade e cun prezo que oscila entre os 15.000 e os 20.000 euros. A oferta vai desde vehículos económicos, como un Peugeot 208 de 2014 por 6.990 euros, ata modelos de alta gama como un Alpine A110 S de 2023 por 68.900 euros.
O VII Car Outlet permite acceder aos catro tipos principais de vehículo de segunda man: kilómetro cero, coches de servizo, seminovos e ocasión. Esta iniciativa busca tamén contribuír ao rexuvenecemento do parque automobilístico ourensán. Este é un dos máis envellecidos do Estado, cunha media de 16,9 anos, fronte aos 13,5 da media galega.

O salón permanecerá aberto o venres e sábado de 10:00 a 20:30 horas, e o domingo 11 de maio de 11:00 a 20:00 horas. A entrada ten un custo de 3 euros, aínda que é gratuíta para menores de 12 anos. Para facilitar a visita en familia, haberá un servizo de ludoteca gratuíto, operativo o sábado de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, e o domingo de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas.