A Asociación Cultural enLAZAdos presentou hoxe o cartel oficial do festival Ponte Farruca 2025, unha cita que se celebrará os días 15, 16 e 17 de agosto e que se consolida como un dos eventos culturais e festivos máis singulares do verán ourensán.
A imaxe do cartel aposta por unha estética colorida e tradicional, destacando a presenza das pandeireteiras como símbolo da identidade galega.
Presentado o cartel do festival Ponte Farruca 2025
O programa desta edición mestura música, tradición, cultura rural e ocio, ofrecendo actividades para todos os públicos. Entre os atractivos destacan:
- Feira de artesanía e agrícola
- Exhibición de coches clásicos e tractorada engalanada
- Cinema rural, obradoiros e cantos de taberna
- Farrucadates, baile de taberna e o clásico Ponte Farruquiña
A parte musical contará cun cartel de luxo con artistas de primeiro nivel como Tanxugueiras (en acústico), Alana, Unto Vello, Lola Menta, Rappaquino e Varios Santos, entre outros. A festa prolongarase polas noites con sesións de DJs: DJ Marmelo, Señora DJ, Radio Barraka, Patas DJ Set e Os Kokakolas.

A organización do evento corre a cargo da Asociación Cultural enLAZAdos en colaboración con diferentes entidades locais e patrocinadores, entre eles a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o concello de Laza.
O festival Ponte Farruca reafírmase como un espazo de encontro onde o rural cobra protagonismo a través da música, o baile e a cultura popular.