Entrevistas

Entrevista ao director do CEIP Curros Enríquez de Celanova

Coincidindo co período de matriculación nos centros educativos, entrevistamos a Jorge Emilio Bóveda Álvarez, director do CEIP Plurilíngüe Curros Enríquez de Celanova.

Deste xeiro puidemos coñecer de primeira man a realidade actual do colexio, a súa filosofía educativa e os retos que afronta no contexto demográfico e social actual.

Entrevista ao director do CEIP Curros Enríquez de Celanova

Ao longo da conversa, o responsable do centro aborda cuestións clave relacionadas coa oferta educativa, a convivencia, a diversidade nas aulas e a relación coa contorna institucional e social de Celanova.

Entrevista ao director do CEIP Curros Enríquez de Celanova
Jorge Emilio Bóveda

Cales son os principais trazos que diferencian ao seu centro e que aspectos da súa oferta educativa considera máis atractivos para as familias que buscan colexio agora?

O noso é un centro aberto e democrático, que utiliza a intelixencia emocional e as boas prácticas de convivencia como eixos vertebrais da súa extensa actividade educativa.

Dispoñemos de servizo de comedor escolar con equipo de cociña propio que prepara menús diarios equilibrados, transporte escolar con máis de oito rutas, que xestiona a Consellería de Mobilidade coa dirección do colexio, e tamén ofrecemos numerosas actividades extraescolares que van dende á robótica á cociña, pasando polo baloncesto. Unhas actividades xestionadas pola ANPA, coa que tamén temos un solido trato.

Aparte, as nosas instalacións dispoñen de pavillón deportivo propio, patio de Primaria grande, patio e parque de xogos para Infantil, biblioteca dinamizada e activa, emisora de radio, espazo «maker», local de atención temperá desde as 8:00, etcétera.

Foto: CEIP Curros Enríquez – Celanova

Tamén nos gusta destacar que temos un equipo de Orientación activo coas necesidades do alumnado, que tentamos manter viva a Lingua Galega cun departamento moi dinámico e que ensinamos o inglés dende os 3 anos axudados de persoal nativo procedente dos Estados Unidos.

Non son menos importantes as numerosas actividades de contacto coa natureza que levamos a cabo e as actividades deportivas frecuentes, así como todo o que se traballa no noso laboratorio de Ciencias Naturais xestionado por docentes moi cualificados.

Outra baza ao noso favor é a estreita colaboración que mantemos, tamén, coa Banda de Música de Celanova, a Fundación Curros Enríquez, o Concello de Celanova, o Instituto Celso Emilio Ferreiro, o Colexio Sagrado Corazón e a Mancomunidade Terras de Celanova, entre outras institucións importantes.

Se tiveramos que definir cunha palabra a nosa liña de traballo, esta sería a «transversalidade» de todos os nosos proxectos, xa que todo o que facemos está relacionado e ten un sentido.

En pleno período de matriculación, que iniciativas están a desenvolver para dar a coñecer o centro e captar novo alumnado, como xornadas de portas abertas, proxectos innovadores ou accións de comunicación?

Sinceramente, penso que o noso labor educativo e o propio boca a boca fainos de efecto chamada para recibir alumnado constantemente, mais iso non quita que tamén promocionemos o colexio con orgullo a través da páxina web https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipcurroscelanova/ , dos nosos blogs https://entrelandras.wordpress.com/ http://bibliocurroscelanova.blogspot.com/ e da nosa canle de Youtube https://www.youtube.com/@ceipcurrosenriquez/videos .

Destacar que tamén facemos xornadas de portas abertas e actividades en colaboración coas institucións locais, como exposicións, convivencias, etcétera.

O descenso da natalidade está a ter un impacto xeral no sistema educativo. Como está afectando esta realidade ás novas inscricións no seu centro e que estratexias están a adoptar para adaptarse a este contexto?

O descenso de natalidade, coma en todos os colexios de Galicia, compénsase coa recepción de alumnado de moitas nacionalidades, o que supón un reto educativo con diversas estratexias (pedagóxicas e sociais principalmente e ás veces lingüísticas) e unha estupenda oportunidade para ofrecer ao conxunto do alumnado un ensino global, tendo en conta, na medida do posible, as idiosincrasias dos países de procedencia do alumnado que se vai incorporando ao noso centro.

Nos últimos anos aumentou o número de alumnos e alumnas non nados en España. Como se reflexa esta diversidade nas aulas e que medidas aplica o centro para favorecer a inclusión e a igualdade de oportunidades? 

Aparte do mencionado anteriormente, dispoñemos de programas específicos de integración e colaboramos coa Concellería de igualdade do Concello de Celanova. Para nós a mestura de nacionalidades nas aulas é unha absoluta riqueza da que tentamos beneficiarnos todos.

Desde o seu punto de vista, cales son as principais dificultades ás que se enfronta agora o centro e que retos considera prioritarios de cara ao futuro inmediato?

A principal dificultade topámola en dar un servizo educativo pleno a todo o alumnado, xa que a demanda de necesidades é cada vez maior en moitos aspectos, e hai veces nas que os tempos de espera non son como deberían para ofrecer unha educación óptima para a totalidade do alumnado, tendo en conta, tamén, que temos que coordinarnos con moitas institucións diferentes.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.