Ribeiro en Común reclama explicacións á Xunta e ao Concello de Ribadavia polo posible cambio de postura sobre o Centro de Día no actual Centro Sociocomunitario.
A formación lembra que xa en 2018/2019 levou ao Parlamento galego a proposta de crear este servizo no actual Centro Social de Ribadavia, facendo compatibles ambos usos.
Ribeiro en Común esixe explicacións polo Centro de Día
Segundo sostén o grupo, daquela o PP, co actual alcalde á cabeza, rexeitou esta localización e defendeu como única alternativa a construción dun “novo asilo” con centro de día incluído. “Negáronlle durante dúas lexislaturas a Ribadavia un servizo fundamental”, sinalan.

Agora, o Concello admite a posibilidade de que a Xunta implante o Centro de Día no actual Centro Sociocomunitario, unha opción que, segundo Ribeiro en Común, sempre foi viable porque a normativa permite compatibilizar ambos servizos.
A formación considera que este movemento supón “unha viraxe e unha rectificación importante” tras máis de catro anos de goberno municipal en dúas etapas, nas que —aseguran— non houbo avances nin para o “novo asilo” nin para un centro de día alternativo.
Desde Ribeiro en Común esixen que tanto a Xunta como o Concello informen con claridade á cidadanía sobre as razóns deste cambio de criterio. Ademais, demandan que se manteñan compatibles o Centro Sociocomunitario e o futuro Centro de Día, debido á elevada actividade e número de usuarios actuais.
“Agardamos que esta rectificación supoña facer realidade un servizo que leva anos de atraso”, conclúen, ao tempo que critican o que cualifican como unha forma de actuar do PP baseada en mudar de postura segundo quen goberne nas institucións. Segundo a formación, quen resulta prexudicada é a veciñanza de Ribadavia ante a falta de infraestruturas sociais.

