O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto co tenente de alcalde, Aníbal Pereira, e a concelleira de Xuventude, Tamara Silva, recibiron esta mañá no salón de plenos aos xogadores e ao director técnico do Club Ourense Volei Praia, Álex Prada, para felicitalos polos logros acadados durante a última tempada.
O club ourensán destacou este ano cun importante palmarés.
O Concello homenaxea ao Club Ourense Volei Praia polos seus logros
Entre os seus méritos figura a medalla de bronce no Campionato de España infantil masculino por equipos. Ademais, varios deportistas do club foron convocados pola selección galega para o campionato nacional por autonomías, onde tamén lograron un bronce.

O talento ourensán tamén brillou a nivel internacional. O xogador Víctor López formou parte da selección española no Campionato de Europa Sub20 e afrontará nos próximos días o Europeo Sub18, consolidándose como unha das grandes promesas do volei praia nacional.
Fundado en 2010, o Club Ourense Volei Praia naceu coa vocación de fomentar o deporte de base e impulsar a práctica desta disciplina en Galicia. Con sede no complexo deportivo municipal de Oira, reúne a xogadores de todas as idades e niveis, converténdose nunha referencia autonómica e estatal.