As cinco concelleiras do PSdeG-PSOE en Barbadás cualifican de “inadmisibles” as explicacións ofrecidas polo alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, nos últimos días sobre o suposto caso de acoso sexual ocorrido en 2024, no que estaría implicado un ex edil socialista.
Sosteñen as edís que a decisión adoptada polo rexedor en setembro de 2024, cando forzou a dimisión do concelleiro presuntamente implicado, “foi insuficiente”.
As concelleiras socialistas de Barbadás cualifican de “inadmisibles” as explicacións do alcalde
Segundo explican, a vítima “quedou totalmente indefensa” e, a partir dese momento, “comezou a vivir un auténtico calvario”, denunciando unha situación continuada de acoso por parte do alcalde tras comunicar os feitos.

As concelleiras tamén aseguran que, nese contexto, “sufrimos ameazas directas”, chegando o rexedor, segundo relatan, a advertirlles de que “se denunciabamos, cesaríanos de forma fulminante”. Ademais, denuncian que Valcárcel se dirixiu a elas “en numerosas ocasións con palabras fóra de lugar”.
Desde o PSdeG-PSOE afirman que o alcalde “tratou por todos os medios de tapar o caso” e consideran “inadmisible” que non informase ao partido dun asunto “tan grave como un suposto acoso sexual”. Critican tamén que, no pleno no que o edil presentou a súa dimisión, o rexedor “o eloxiase publicamente con numerosas palabras de recoñecemento”, malia abandonar o cargo por un feito de extrema gravidade.
As socialistas subliñan que a vítima “sufriu desde entón acoso por parte do rexedor”, segundo lles trasladou persoalmente, e explican que chegou a recibir “unha baixa psicolóxica” pola situación vivida. Neste sentido, apuntan que a denunciante “afundiuse psicoloxicamente” polas presións continuadas e polo impacto do suposto acoso sexual, o que lle impediu “reunir forzas para presentar unha denuncia formal”.
Un exercicio de coherencia
A renuncia das concelleiras ao goberno municipal responde, segundo explican, a “un exercicio de coherencia”. Lembran que a vítima “nunca estivo conforme coa actitude do alcalde nin coa forma de xestionar o caso”, permitindo que o ex edil “marchase pola porta grande co aplauso cómplice do rexedor”.
Finalmente, as e os socialistas sinalan que a iniciativa do alcalde de promover un manifesto contra o acoso sexual “foi a gota que colmou o vaso”. Segundo relatan, a vítima “viviu este xesto como unha auténtica falta de respecto” e consideran “incomprensible” que quen “tentou tapar un posible caso de acoso, tomou represalias contra a persoa afectada e eloxiou ao suposto agresor, pretenda agora dar leccións de moral”.

