O Concello de Barbadás celebra o Día Internacional da Muller cunha variada programación que inclúe actos reivindicativos, deportivos e culturais para promover a igualdade de xénero.
A tenente de alcalde, Victoria Morenza, destacou na rolda de prensa de presentación que o 8-M é “un dos días máis importantes para todas as mulleres”.
O Concello de Barbadás reforza o seu compromiso coa igualdade de xénero
Morenza puxo en valor o papel pioneiro do municipio na loita contra o machismo. “Este concello foi pioneiro en poñer en marcha un servizo de Igualdade ou o Centro de Información á Muller (CIM)”, lembrou.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Elisabet González, fixo fincapé nos avances sociais acadados grazas aos movementos feministas, aínda que recoñeceu que “queda moito camiño para conseguir unha sociedade xusta e igualitaria para todos e todas”. Ademais, subliñou que as actuacións pola igualdade deben prolongarse durante todo o ano: “Temos que traballar os 365 días”.
Durante a presentación, tamén estiveron presentes Marga Pérez, concelleira de Educación; Ana Peleteiro, concelleira de Cultura; e Noemí Santos, concelleira de Deportes, amosando así a unidade do goberno local a prol da igualdade.

Lectura do Manifesto e II Carreira pola Igualdade
As actividades programadas xa comezaron o pasado venres coa instalación do Punto Lila na Festa de Comadres, un espazo de atención e información para previr agresións sexistas. Mañá, 7 de marzo, a corporación municipal realizará a Lectura do Manifesto ás 12:00 horas diante da Casa do Concello. Esta acto supón unha mostra do compromiso institucional coa igualdade real entre homes e mulleres.
Un dos actos centrais será a II Carreira pola Igualdade, prevista para o domingo 16 de marzo. A concelleira de Igualdade explicou que se trata dunha carreira inclusiva aberta a toda a cidadanía. Os participantes poderán realizar o percorrido a pé, correndo, en bicicleta ou en patíns. A saída será ás 11:00 horas na Glorieta da Familia da Valenzá, cun percorrido de 5 kilómetros. As inscricións xa están abertas na páxina web oficial, cun prezo de 5 euros para adultos e gratuíto para menores.
Teatro reivindicativo para pechar a programación
A programación rematará o venres 28 de marzo coa representación da obra “Nabiza Girl II” na Casa da Cultura Manuel María. As entradas serán de balde e poderán recollerse días antes no propio recinto. Elisabet González destacou que o teatro tamén xoga un papel fundamental na sensibilización sobre a igualdade de xénero.