A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza unha nova edición de Concilia Semana Santa, un programa de actividades de lecer para escolares que busca facilitar a conciliación das familias durante os días non lectivos.
As actividades desenvolveranse na Aula da Natureza de Oira, no anexo da Escola Municipal de Música e, como novidade este ano, en locais de asociacións veciñais da periferia.
Ourense abre inscricións para Concilia Semana Santa
Terán lugar os días 30 e 31 de marzo e 1 e 6 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 h.

O prazo de inscrición abrirase o 17 de marzo ás 10:00 h e rematará o 24 de marzo ás 8:30 h. A solicitude deberá realizarse exclusivamente en liña a través da web ou da aplicación municipal. Será requisito que o alumnado e, polo menos, un dos titores estean empadroados en Ourense.
As actividades no anexo da Escola de Música estarán dirixidas a nenos e nenas nados entre 2020 e 2022. Pola súa parte, as da Aula da Natureza serán para menores nados entre 2014 e 2019. O custo será de 10 euros, cun prezo reducido de 5 euros para irmáns.
Como novidade, o programa incorpora Concilia Arredor, unha actividade gratuíta para menores nados entre 2014 e 2020 que se realizará en Castro de Beiro (30 de marzo), Seixalbo (31), Santa Mariña (1 de abril) e Santa Cruz (6).

