A Concellería de Comercio de Barbadás, a través do Centro Empresarial Transfronteirizo, vén de anunciar a celebración da oitava edición do Concurso de Pinchos “Barbadás a Bocados”, unha das citas gastronómicas máis agardadas do municipio.
O evento desenvolverase durante os días venres 12 e sábado 13 de setembro de 2025, coa participación dos establecementos hostaleiros da zona.
O concurso “Barbadás a Bocados” celebra a súa VIII edición en setembro
A cita gastronómica terá lugar os días 12 e 13 de setembro e reunirá os mellores petiscos da hostalería local.

Os negocios interesados en formar parte da competición deberán inscribirse entre o 21 e o 31 de xullo, podendo facelo presencialmente nos rexistros da Casa do Concello ou nas Oficinas Municipais de A Valenzá, así como a través da sede electrónica do Concello.
Ademais, aqueles locais que desexen contar cunha cartelería personalizada deberán remitir unha fotografía do seu petisco antes do 8 de agosto.
Promoción ampla e participación cidadá
O Concello ten previsto unha ampla campaña de difusión para dar visibilidade ao concurso e aos locais participantes, empregando redes sociais, prensa, web municipal e folletos impresos distribuídos nos negocios e espazos públicos.
Cada establecemento recibirá material promocional para facilitar a participación do público, que poderá valorar e votar os petiscos ofrecidos. Os locais participantes contarán cun distintivo visible que os identifique como parte do concurso.
“Barbadás a Bocados” converteuse, ano tras ano, nun escaparate para a creatividade culinaria da hostalería local. Este evento fomenta o consumo nos negocios do municipio e promove a gastronomía como motor económico e cultural.