O Concello de Ourense abre hoxe o prazo de inscrición para o Concurso de Pinchos 2025, un dos eventos gastronómicos máis esperados do ano.
Os establecementos interesados en participar poden anotarse ata o 6 de xuño a través da páxina web do Concello, onde tamén atoparán as bases e toda a información necesaria.
Aberto o prazo para o Concurso de Pinchos de Ourense 2025
O certame celebrarase do venres 13 ao sábado 21 de xuño, coincidindo coa semana grande das Festas de Ourense, que se desenvolverán do 18 ao 22. Os pinchos que se presenten deberán ter un prezo comprendido entre os 2,50 e os 4 euros.
Este ano, o concurso presenta importantes novidades. A principal é a incorporación dunha nova categoría: Pincho Clásico, coa que se pretende premiar as mellores elaboracións que forman parte habitual da oferta gastronómica ourensá. Nesta modalidade outorgaranse tres premios: 1.500, 1.000 e 500 euros.
A segunda categoría será a do Pincho Innovación 2025, que distinguirá propostas creativas e inéditas. Tamén contará con tres premios coas mesmas dotacións económicas.
Ademais, entregarase un premio especial de 400 euros ao mellor Pincho Celíaco, que recoñecerá a mellor creación sen glute entre todos os pinchos inscritos.

Os premios das categorías Clásico e Innovación decidiranse mediante un sistema mixto que combina o voto popular co veredicto dun xurado profesional. A gala de entrega de galardóns terá lugar o domingo 22 de xuño. Esta data coincide coa última actuación musical das Festas de Ourense e xusto antes do espectáculo de fogos artificiais.