Noticias

A contaminación das Conchas chega ao pleno da Deputación de Ourense

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense presentou este mércores unha moción que será debatida no vindeiro pleno provincial e coa que pretende activar unha resposta “urxente, contundente e coordinada” fronte á grave crise ambiental do encoro das Conchas.

Elvira Lama, deputada provincial, acompañada por veciños e outros representantes socialistas, desprazouse ao propio encoro para presentar a iniciativa. Lama advetiu que “a situación é insostible e vulnera os dereitos fundamentais da veciñanza afectada”.

A contaminación das Conchas chega ao pleno da Deputación de Ourense

A contaminación deste espazo natural, que afecta especialmente aos concellos de Lobeira, Bande, Lobios, Muíños e Entrimo, vén sendo recorrente desde hai máis dunha década. Coa proliferación cada verán de cianobacterias tóxicas que cobren a auga cunha película verde limitanse os usos recreativos e incluso sanitarios do encoro.

A contaminación das Conchas chega ao pleno da Deputación de Ourense
Foto: PSdeG

Segundo datos do CSIC, a auga das Conchas presenta ata 97 millóns de bacterias perigosas por litro. Tamén presenta concentracións de toxinas que triplican os límites da OMS para augas de baño, xunto con bacterias resistentes a antibióticos e niveis extremos de nitratos. “É un problema gravísimo de saúde pública”, subliñou Lama.

Apoio á demanda xudicial e propostas concretas

A moción reclama que a Deputación de Ourense se posicione do lado da demanda xudicial impulsada pola veciñanza. Esta demanda será resolta polo Tribunal Superior de Xustiza no mes de xullo. Os socialistas propoñen que a institución provincial proporcione aos concellos afectados apoio técnico, xurídico e financeiro para garantir sistemas alternativos de abastecemento de auga potable, desenvolver estudos epidemiolóxicos e aplicar medidas sanitarias urxentes.

Tamén se propón a creación dunha liña de axudas para paliar os danos económicos da contaminación e fomentar proxectos de desenvolvemento sustentable como alternativa ao modelo de gandería intensiva, sinalado polos informes científicos como a principal causa da eutrofización do encoro.

Neste sentido, Lama instou á Xunta a declarar a comarca da Limia “zona vulnerable por nitratos” e cumprir o seu compromiso de instalar unha planta de tratamento de xurros. Criticou ademais a “permisividade” do Goberno galego ao autorizar novas explotacións gandeiras malia os impactos ambientais coñecidos.

Chamamento ao Goberno central

Por último, a moción tamén solicita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a elaboración dun plan de descontaminación do encoro das Conchas. Este plan tería un financiamento específico, cronograma de actuacións e medidas de control estritas sobre os vertidos gandeiros.

A veciñanza non pode seguir esperando mentres se atenta contra a súa saúde e se destrúe un ecosistema único”, concluíu Lama. A deputada provincial reclamou “altura de miras” e cooperación institucional para afrontar unha crise que “xa acadou dimensións intolerables”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.