O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) vén de advertir que a contaminación por nitratos continúa a ser un problema grave nas augas do encoro e no acuífero da Limia, así como nos puntos de abastecemento humano da chaira e varios concellos limítrofes.
A través da súa participación na rede cidadá de detección de augas contaminadas por nitratos de orixe agraria, coordinada a nivel estatal por Greenpeace, o MEL constatou que os niveis superan con frecuencia o límite legal de 50 mg/l para o consumo humano.
Alarma polos altos niveis de nitratos na auga nos Blancos
A situación máis preocupante atópase no concello dos Blancos. Segundo datos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), recollidos na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a vulneración de dereitos veciñais nas Conchas, varias fontes públicas e puntos de abastecemento deste municipio rexistraron valores alarmantes.

Algúns exemplos son:
- Fonte O Caño de Outeiro (preto do lavadoiro): 80,7 mg/l
- Billa externa da Casa da Cultura: 82,2 mg/l
- Domicilio próximo: 81,9 mg/l
- Fonte de Vilar (xunto á Igrexa): 69,3 mg/l
- Rúa da Fonte: 42,9 mg/l
O MEL denuncia que, malia que estes datos foron comunicados pola CHMS á Consellería de Sanidade e ao Concello dos Blancos no outono de 2024, non se adoptou ningunha medida pública coñecida para protexer á veciñanza. Un ano despois, as novas análises feitas polo MEL indican que os niveis non só se manteñen, senón que nalgúns casos aumentaron. No caño de Outeiro, por exemplo, a última medición foi de 120 mg/l.
A organización ecoloxista reclama transparencia e responsabilidade institucional. Esixe á Consellería de Sanidade e á CHMS que fagan públicas as comunicacións mantidas co Concello dos Blancos e o seguimento efectuado. Tamén urxe que se informe de inmediato á veciñanza sobre as medidas previstas para garantir un abastecemento de auga potable segura.
Ademais, o MEL apunta posibles orixes da contaminación: veciños da zona sinalaron verteduras frecuentes de cisternas na parte alta do municipio. Por iso, o colectivo insta ao alcalde a actuar con responsabilidade, a investigar estas prácticas e a prohibir o uso de fontes contaminadas cando as análises así o indiquen.
Finalmente, o MEL insiste en que é urxente ampliar a rede de control de augas contaminadas. A organización leva anos reclamando máis puntos de mostraxe, especialmente nos concellos de montaña, onde considera que o seguimento actual é insuficiente para coñecer a verdadeira magnitude do problema.