Noticias

Oito concellos galegos únense para impulsar o desenvolvemento local con fondos da eólica

Oito concellos galegos acaban de asinar convenios de colaboración que permitirán desenvolver proxectos sociais, culturais, ambientais e de eficiencia enerxética vinculados á implantación de parques eólicos no seu territorio.

Esta iniciativa enmárcase nun proxecto de responsabilidade social local promovido pola empresa desenvolvedora das instalacións renovables, que asumirá o financiamento das actuacións.

Oito concellos galegos únense para impulsar o desenvolvemento local con fondos da eólica

Os municipios asinantes son Chantada, San Cristovo de Cea, O Carballiño, O Irixo, Boborás, Leiro, Ribadavia e Beariz, onde están proxectados os parques eólicos Agratrina, Agromaces, Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi, actualmente en fase de desenvolvemento.

Oito concellos galegos únense para impulsar o desenvolvemento local con fondos da eólica
Foto: Driza Green Partners

O obxectivo dos convenios é crear vínculos duradeiros co territorio e garantir que os beneficios derivados da produción enerxética reverta nas comunidades locais. A empresa promotora comprométese voluntariamente a destinar ata o 2,5 % dos beneficios xerados a actuacións de interese público. Esta inversión realizarase malia que a normativa non esixe unha reinversión mínima.

Entre as primeiras medidas previstas destacan a mellora de espazos públicos como parques, zonas de lecer e áreas recreativas, aplicando criterios de sostibilidade e eficiencia enerxética. Tamén se realizarán auditorías enerxéticas en instalacións municipais para reducir custos estruturais e optimizar o consumo eléctrico.

Os acordos inclúen tamén actuacións orientadas á conservación do patrimonio e á promoción da cultura. Prevese a recuperación de elementos históricos como túmulos megalíticos mediante accións de limpeza, sinalización e estudos arqueolóxicos. Así mesmo, impulsaranse eventos escénicos de proxección rexional, como a Mostra Internacional de Teatro.

Cada convenio terá unha duración de 30 anos, correspondente co ciclo de vida operativo dos parques eólicos. Este inclúe a creación dun Comité de Seguimento para avaliar o cumprimento e o impacto das actuacións pactadas. Ademais, priorizarase o emprego de recursos e provedores locais, co obxectivo de reforzar a economía de proximidade, favorecer a fixación de poboación e crear emprego nos concellos implicados.

A promotora dos parques sostén que esta estratexia responde ao seu modelo de desenvolvemento sostible centrado nas persoas e no territorio. Continuará asinando novos convenios en función da evolución dos proxectos, sempre en diálogo coas administracións locais.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.