As Festas do Couto, que comezan este xoves 15 de maio, provocarán importantes cortes de tráfico no barrio durante varios días.
O espectáculo de drons e as orquestras obrigan a modificar a circulación e as liñas de autobuses.
Cortes de tráfico no Couto polas festas dende o 15 de maio
Estes cortes teñen o obxectivo de garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento das atraccións, os concertos e o espectáculo de drons. O Concello fixo público o plan de restricións viarias que estará vixente até o luns 19 de maio.
Desde o xoves ás 17.00 horas, e durante toda a fin de semana, pecharanse ao tráfico as rúas Francisco de Moure, Cándido Fernández Mazas (entre Francisco de Moure e Álvarez de Sotomayor), Vila Real, Dalí (entre Faustino Míguez e Ervedelo), Faustino Míguez e a Praza da Chave. Estes cortes están motivados pola instalación de atraccións festivas.
Ademais, por mor das actuacións musicais, a rúa Dalí (entre Faustino Míguez e a rotonda) pechará ao tráfico o xoves ás 16.30 h, o venres ás 16.00 h, o sábado desde as 09.00 h e o domingo a partir das 17.00 h. A glorieta de Ervedelo e os seus accesos pola Avenida de Portugal poderán pecharse puntualmente se a afluencia de público así o require.

O sábado 17, coincidindo co espectáculo de drons, haberá un dispositivo especial desde as 23.00 h que afectará a varias vías principais: pecharase a rotonda de acceso ao centro pola N-120 (desviando o tráfico por Castro Canseco), a propia N-120 á altura da rotonda (desvío por Díaz de la Banda), os accesos á rotonda do mundo, a rúa Avilés de Taramancos con Pardo de Cela (desvío cara ao centro) e a Praza de Concepción Arenal con Sáenz Díez (desvío cara ao Progreso).
Modificacións no trasporte público
En canto ao transporte público, as liñas de autobuses urbanos cara ao centro da cidade desviaranse pola rúa Castro Canseco (con parada provisional no cruzamento coa rúa dos Remedios), Nacional 120 e Pardo de Cela (con parada na rotonda). Os buses cara a Vistafermosa manterán o seu itinerario habitual, sempre que se poida manter aberta a rúa Ervedelo.
A parada de taxis situada na rúa Vila Real será desprazada á rúa Francisco Lloréns desde o mércores 14 até o luns 19.