Os cortes de tráfico en Ourense polo Entroido 2026 afectarán ao centro histórico e a varias das principais rúas da cidade desde este xoves 12 de febreiro ata o mércores 18, segundo informa a Policía Local do Concello.
O dispositivo especial responde á programación de actividades festivas, que inclúe actuacións musicais, desfiles escolares, pasarrúas de charangas e eventos multitudinarios como o desfile principal, o desfile de Frei Canedo e o tradicional Enterro da Sardiña.
Cortes de tráfico en Ourense polo Entroido 2026

Xoves, 12 de febreiro
A xornada arrancará con restricións de tráfico no centro histórico debido ás actuacións de DJs na Praza Maior e na Praza de Santa Eufemia, así como polo percorrido de charangas por distintas rúas da zona.
Venres, 13 de febreiro
Con motivo dos desfiles escolares, entre as 11:00 e as 13:00 h aproximadamente, produciranse cortes puntuais nas rúas Sáenz Díez, Curros Enríquez, Pardo de Cela e Xesús Pousa.
Ademais, continuarán as restricións no centro histórico polas actuacións musicais e as charangas previstas para a tarde.
Sábado, 14 de febreiro
A partir das 15:00 h quedará pechada ao tráfico a rúa do Progreso (Alameda), desde a baixada á Praza de Abastos ata a rúa Concordia. Permitirase o paso pola rúa Parada Justel ata as 22:00 h.
A Policía Local advirte de que este corte na rúa do Progreso será permanente nos días seguintes ata a retirada da carpa instalada na Alameda. Este feito está previsto para a madrugada do martes ao mércores.
Seguirán tamén as restricións no centro histórico por mor das actuacións de DJs e charangas.
Domingo, 15 de febreiro
Desde as 14:30 h cortarase o acceso ao circuíto do desfile, que inclúe as rúas e avenidas: Otero Pedrayo, Curros Enríquez, Xoán XXIII, Progreso e Parada Justel.
O tramo da rúa do Progreso permanecerá pechado ata que remate a actuación de King África na Alameda, un dos concertos destacados da programación.
Luns, 16 de febreiro
Ás 19:15 h pecharase o acceso ao circuíto do desfile de Frei Canedo, que discorrerá pola Ponte Romana, Avenida das Caldas, Eulogio Gómez Franqueira, Xesús Pousa e As Caldas.
En relación co corte da rúa do Progreso, manterase a circulación pola rúa Parada Justel ata as 22:00 h, nas mesmas condicións que o sábado.
Tamén continuarán as restricións no centro histórico pola animación musical.
Martes, 17 de febreiro
No marco do corte da rúa do Progreso, o paso por Parada Justel permitiráse unicamente ata as 18:00 h.
Mércores, 18 de febreiro
Ás 18:00 h cortarase a rúa Curros Enríquez, fronte á Subdelegación do Goberno, con motivo da celebración do Enterro da Sardiña, acto que porá o broche final ao Entroido 2026 en Ourense.

