A veciñanza de Rairo leva anos reclamando melloras básicas na parroquia sen obter resposta por parte do Goberno Local.
Así o denunciou o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que anunciou que trasladará ao Pleno do Concello de Ourense as principais reivindicacións da cidadanía deste núcleo do rural.
O BNG levará ao Pleno as principais demandas da veciñanza de Rairo
As melloras no transporte público e na rede de saneamento, entre as peticións máis urxentes do barrio ourensán.

O portavoz nacionalista, Luís Seara, sinala que a maior preocupación da veciñanza segue a ser o transporte público, cualificado como “servizo básico e fundamental”. Asegura que as actuais liñas e horarios non responden ás necesidades do día a día e lembra que, malia as modificacións anunciadas polo Goberno Local, os cambios introducidos ata o momento non resolven os problemas.
Outro dos asuntos que o BNG cualifica de “eiva histórica” é a falta de rede de saneamento en determinadas vivendas de Rairo, que actualmente verten as augas residuais directamente ao regato do Chis. Seara demanda a construción dunha infraestrutura que poña fin a esta situación e garanta a depuración das augas.
Ademais, o BNG recolleu outras demandas veciñais como a reforma integral do parque infantil, a limpeza de camiños e predios municipais, a mellora do alumeado público e axustes no servizo de recollida de lixo. Todas estas peticións, segundo os nacionalistas, seguen sen resposta por parte do Concello.
Para Seara, trátase de “pequenas melloras que contribuirían de maneira significativa á calidade de vida da veciñanza de Rairo”. O portavoz do BNG reclama atención ás súas demandas, solucións á maior brevidade posible e un diálogo permanente co barrio.