Noticias

A Deputación de Ourense impulsa 220 proxectos locais con 41,5 millóns

A Deputación de Ourense presentou esta tarde unha modificación de crédito por valor de 41,5 millóns de euros, cunha forte aposta pola cooperación cos concellos e a mellora de servizos básicos.

O Goberno provincial levou á Comisión de Contas, Facenda e Recursos Humanos unha modificación orzamentaria de 41,5 millóns de euros.

A Deputación de Ourense impulsa 220 proxectos locais con 41,5 millóns

Esta modificación está dividida en tres expedientes que reforzan os compromisos adquiridos polo executivo de Luis Menor.

A maior parte da contía destinarase á prestación de servizos propios da Deputación (24,7 millóns), seguida da cooperación cos concellos (9,6 millóns) e da colaboración con entidades e mancomunidades (7,1 millóns).

No referente á cooperación con entidades locais, a cantidade ascende a 10,5 millóns de euros —sumando preto de 900.000 euros para mancomunidades—, que permitirán financiar máis de 220 actuacións. Entre elas, destacan melloras en infraestruturas e servizos básicos, proxectos de eficiencia enerxética e iniciativas culturais.

Ámbito Social

No ámbito social, a Deputación investirá máis de 800.000 euros en oito proxectos para a mellora e ampliación de residencias da terceira idade. Destacan as actuacións en Baltar (250.000 euros) e Xunqueira de Ambía (200.000). Tamén se reserva unha partida de case 613.000 euros para melloras en infraestruturas deportivas de doce concellos. Aí están incluídos a construción de campos de fútbol en Viana do Bolo (150.000), Maside (100.000) e Cenlle (165.000).

A Deputación de Ourense impulsa 220 proxectos locais con 41,5 millóns
Foto: Deputación de Ourense

Emerxencias

O apoio ás emerxencias queda reflectido nos 440.000 euros destinados a concellos con bases dos GES, mentres que os municipios con conservatorios de música recibirán 250.000 euros en total, cunha achega de 50.000 euros para O Barco, Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

Rede Viaria

Unha das partidas máis destacadas da modificación é a destinada ao mantemento das vías provinciais. Esta ascende a 9 millóns de euros ao sumar 4,5 millóns novos aos xa incluídos nos orzamentos. Esta medida responde ao compromiso do actual Goberno co mantemento dos 1.850 quilómetros da rede viaria provincial.

Medioambiente

Dentro do ámbito medioambiental, inclúense case 6 millóns de euros para diversas actuacións, cun enfoque especial na recollida e tratamento de residuos. Cómpre lembrar que a Deputación de Ourense é a única de Galicia que xestiona directamente este servizo.

Tamén se recollen convenios coa Xunta de Galicia como o plan de prevención de incendios (1,5 millóns), cofinanciamento de residencias (1,4 millóns) e a promoción cultural e deportiva (150.000 euros para cada ámbito). Ademais, resérvanse 500.000 euros para o plan provincial de vivenda e 350.000 para o plan de lectura.

O terceiro expediente da modificación contempla a colaboración con máis de 130 entidades sociais, empresariais, culturais, educativas ou sanitarias. Entre as achegas máis relevantes están os 500.000 euros para a Comunidade de Regantes da Limia —destinados á modernización do regadío— e outros 500.000 para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, enfocados nun plan de mobilidade sostible.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.