Despois de varias tentativas e reiterados rexeitamentos, os deputados do Parlamento de Galicia insisten en que a Xunta lles permita visitar os centros de menores de Montefiz e Monteledo.
A formación nacionalista denuncia que a empresa concesionaria está «desatendendo o centro e as súa responsabilidades», e acusa ao goberno galego de «non atender a situación, non ser transparente e adoptar unha actitude completamente pasiva ante a realidade destes centros».
Os deputados reclaman á Xunta acceso aos centros de menores Montefiz e Monteledo
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama a xestión pública directa das instalacións, argumentando o fracaso do modelo de privatización actual. Entre as súa reivindicacións, piden a mellora das infraestruturas, o incremento do cadro de persoal e unha mellora nas condicións laborais das traballadoras e traballadores. Ademais, insisten en que os representantes do Parlamento de Galicia deben poder visitar os centros para avaliar de primeira man a situación dos menores acollidos.
O deputado nacionalista Iago Tabarés sinala que «a realidade de ambos centros é preocupante: instalacións profundamente deficientes, falla de conexión á rede de saneamento, calefacción e climatización insuficientes na meirande parte das habitacións, patios non habilitados para a práctica deportiva, mantemento deficiente, cadro de persoal insuficiente e salarios conxelados dende hai máis dunha década. Isto é un exemplo claro de que a xestión non está funcionando».

A deputada Ariadna Fernández reforza esta denuncia afirmando que «cando se trata de coidados, a atención non pode ser devaluada nin precarizada, e os problemas non poden ser invisibilizados». Ademais, subliña que a situación non só afecta ás traballadoras e aos menores, senón tamén ás súa familias. «A Xunta ten a obriga de garantir o benestar dos menores e asegurar que tanto eles como os traballadores conten con condicións dignas», recalca.
Os deputados critican a falta de transparencia por parte da Xunta, interpretándoa como unha confirmación implícita das denuncias realizadas. «Quen non ten nada que agochar, non pecha as portas», advirten.
Ante esta situación, o BNG insiste na súa demanda de que a Xunta asuma a xestión pública directa dos centros de menores. Tamén solicita que facilite a visita dos representantes parlamentarios para que poidan coñecer de preto a realidade dos centros de Montefiz e Monteledo.