Noticias

O Parlamento galego apoia por unanimidade as demandas de Dereito ao Tren

A plataforma cidadá Dereito ao Tren celebra hoxe un fito histórico na súa loita pola conectividade do Oriente ourensán: o Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade un manifesto institucional que asume como propio o texto presentado pola plataforma na multitudinaria manifestación do pasado 2 de agosto en A Gudiña.

O que comezou como un clamor veciñal, pronunciado en voz alta por máis de 7.000 persoas e lido polo presidente da plataforma, Rubén Riós, chega agora á sede da soberanía galega convertido nun firme compromiso político.

O Parlamento galego apoia por unanimidade as demandas de Dereito ao Tren

Este texto recolle as demandas urxentes do rural galego en materia de mobilidade, sanidade, desenvolvemento socioeconómico e garantía de dereitos, esixindo unha resposta clara e inmediata.

O Parlamento galego apoia por unanimidade as demandas de Dereito ao Tren
Foto: Plataforma Dereito ao Tren

Non é aínda a restitución das paradas que Renfe nos recortou, pero é un paso institucional xigante. Un primeiro vagón cargado de dignidade, que nos impulsa a seguir camiñando con máis forza ca nunca”, declarou Riós, visiblemente emocionado, tras a sinatura do acordo unánime dos grupos parlamentarios.

O manifesto institucional aprobado recoñece o profundo impacto dos recortes ferroviarios nas comarcas afectadas e comprométese a mobilizar recursos e vontades para restituír un servizo de tren útil, xusto e adaptado ás necesidades reais do rural. A decisión supón un aval institucional sen precedentes á loita da cidadanía por recuperar a conectividade e dignidade dun territorio historicamente esquecido.

Desde Dereito ao Tren, anuncian que seguirán traballando para que esta declaración non quede nun xesto simbólico, senón que se traduza en medidas concretas e urxentes.

Declaración Institucional en apoio ao Manifesto da Plataforma Dereito ao Tren

A estación da Gudiña-Porta de Galicia dá servizo de tren ao territorio do oriente de Ourense, que inclúe as comarcas da Limia, Terra de Trives, Valdeorras, Verín e Viana, e facilita a comunicación co Norte de Portugal.

Os horarios dispoñibles na devandita estación ata o pasado 9 de xuño de 2025 permitían desprazarse para acudir a unha consulta médica, para realizar xestións administrativas e para diferentes casos de uso relacionados co emprego, a educación, o turismo rural e o desenvolvemento local, o emprendemento, a conciliación familiar e un longo etcétera. En definitiva, tratábase duns horarios que posibilitaban á poboación exercer o seu dereito de mobilidade e acceso aos servizos.

O 9 de xuño RENFE oficializou uns novos horarios nos que eliminou 16 trens dos que ata entón tiñan parada na Gudiña. Os cambios introducidos por RENFE quitáronnos ese dereito á mobilidade e poñen en grave risco a igualdade de oportunidades no noso territorio.

Agora emprendemos unha mobilización para defender o noso dereito á mobilidadeá igualdade de oportunidades e ao acceso ás infraestruturas que transforman o noso territorio e das que outros, pero non nós, poden gozar.

Queremos ver pasar o tren, que pare e que sexa útil.

O noso medio rural debe ter as mesmas oportunidades que o resto dos territorios.

A desaparición dos horarios útiles de tren pon en risco tamén a continuidade da propia estación. Os horarios inútiles farán que se utilice menos e, por tanto, darán pé á redución posterior dos servizos e, finalmente, ao peche da estación.

Para permitir a conexión do AVE coas comarcas veciñas de Valdeorras e Verín, establecéronse autobuses de ligazón entre os concellos e a estación. Eses horarios de transporte por estrada permitiron manter conectadas as comarcas. Con todo, agora están tamén en risco de desaparición.

Por todo iso, solicitamos a todas as administracións involucradas —tanto provinciais, como autonómicas, como estatais— que nos permitan á cidadanía accedermos a un dereito fundamental como é o transporte, que nos permita acceso aos servizos sen discriminación territorial.

A nosa reivindicación é que a estación da Gudiña-Porta de Galicia conte con horarios útiles para as necesidades que ten a poboación neste territorio, en igualdade de condicións con outros territorios e estacións de orixe. Por iso, pedimos:

  • A adaptación dos horarios ás necesidades da poboación.
  • restablecemento das frecuencias eliminadas.
  • Apostar por un servizo público ferroviario útil.

Santiago de Compostela; 4 de agosto de 2025​

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.