Na seguinte entrevista podemos seguir descubrindo ó escritor Alexandre Corbillón que comeza unha intensa e frutífera traxectoria literaria.
Si en anteriores ocasións puidemos coñecer detalles de Alexandre Corbillón, a súa obra e os premios acadados, nesta ocasión afondaremos un pouco máis.
Descubrindo ó escritor Alexandre Corbillón
Os seus inicios, o camiño que o levou ata a actualidade, os seus estudos e os seus obxectivos son algúns dos temas dos que puidemos falar con el. Tamén tivemos un momento para analizar a chegada da intelixencia artificial, o seu papel na literatura e como pode afectar á futura produción literaria.
Alexandre Corbillón é unha das novas referencias literarias da provincia de Ourense e demostra que a literatura segue a ter un papel destacado entre a mocidade.
Como xurde a túa afección pola literatura e en que momento decides comezar a escribir os teus primeiros textos?

Xa dende ben cativo a curiosidade por ler estivo presente. Desexaba poder comezar a descifrar a escrita pois representaba para min poder acceder a un mundo que parecía codificado para os adultos. Lembro como lle preguntaba de xeito insistente ós meus familiares o significado que comportaban as palabras escritas. Se vía un sinal calquera xa estaban os meus ollos relampados e a miña voz argalleira: «Avoa, que pon aquí?» Tiveron sempre moita maña pois nutriron esa curiosidade que me levou a comezar a escribir cando xa dominaba a lectura.
Os primeiros libros que lin foron de aventuras e ciencia, moita ciencia. Encandeábanme os libros sobre o funcionamento do corpo humano, as guías sobre animais e plantas e, sobre todo; os dinosaurios.
Comecei a escribir ben pequeniño facendo microrrelatos e poemas. A temática era ben variada pero había puntos que normalmente eran vertebradores sobre a obra, o fantástico e maila presenza da miña avoa. Recordo que unha das primeiras persoas que me animou a escribir, alén da miña familia, foi o meu profesor de inglés na primaria. Logo, seguín escribindo e facéndoo case de xeito clandestino nas aulas. Pódese dicir que foron para min un locus amoenus, e non é estraño pois tiven a sorte de estudar en dous centros de ensino que apostan pola creatividade, as ciencias e, sobre todo, na literatura. Ademais, o profesorado de ámbolos dous centros (tanto do CEIP Curros Enriquez como do IES Celso Emilio Ferreiro) desenvolven unha tarefa excepcional caracterizada polo seu dinamismo.
No ano 2022 viaxas a Islandia cunha bolsa de creación literaria da Deputación de Ourense. Que che aportou esta experiencia?
Achegoume sobre todo vivencias. O contacto con outra cultura e idiosincrasia é fundamental. Ademais, tiven a sorte de estar en contacto con Francesca Cricelli, poeta brasileira afincada en Islandia, con Elías Portela, poeta galego-islandés tamén chamado Elías Knörr e Ludmila Budanov, unha verdadeira artista polifacética. As conversas con eles mentres descubría os segredos encriptados da natureza fixeron que aquela estadía fose, á marxe de inesquecíbel, única e máxica. Se tivese que quedar cunha cousa en concreto escollería, sen dúbida, o intercambio interxeracional, imprescindíbel para o progreso tanto a nivel persoal como a nivel social, por conseguinte, colectivo.
Foi nese mesmo ano no que publicas o libro de poesía “Cristal”. Sentiches vertixe ante a túa primeira publicación?
Presentar un primeiro libro non é tarefa doada en ningunha ocasión. Daquela, decanteime pola auto publicación na imprenta de Celanova. Quen me animaron a reunir os poemas que tiña e darlles formato de libro foron a miña familia máis achegada e os amigos. Xa dende o comezo aquela idea me resultaba atractiva pero cando se materializou non podía ter máis ledicia no corpo. Foi un esforzo considerábel conseguir que Cristal puidese distorcer a luz do día. Aínda con todo, sempre sente un un chisco de reparo cando se expón ante o público porque cando entregas algo tan persoal ocorre unha bela antítese, faste forte abrazando a vulnerabilidade.
No pasado 2024 logras un gran éxito ó acadar o premio Xuventude Crea de Poesía. Que che aportou este recoñecemento a nivel persoal?
Un premio sempre é un reforzo positivo, pois significa que apostan pola túa obra. Ademais, para min actúa como unha chamada a seguir facendo o que máis gozo que é escribir.
Por outra banda, permitiume coñecer a outros escritores e escritoras e estar en contacto máis a fondo coa cultura galega. Achegármonos ós nosos compañeiros e apoiármonos entre nós tamén é crucial pois a tendencia da literatura non é precisamente esa na actualidade. Froito da educación actual, o individualismo percorre tódolos ámbitos e o da escrita non ía ser, por desgraza, menos. Con todo, a experiencia vivida no Xuventude Crea fai que non perda a esperanza nunha estrutura férrea de iguais.
Será no último tramo do 2024 cando presentas o teu segundo libro “O segredo do Trasno”. Con prólogo de Xosé Luis Méndez Ferrin, no acto de presentación estiveches acompañado pola Coral de Ruada e María do Ceo. Para alguén do mundo da cultura é como xogar un partido de Champions. Non?
Totalmente, a presentación d’O segredo do Trasno foi un momento inesquecíbel. Estar acompañado pola emblemática Coral de Ruada, María do Ceo e que un guieiro para as nosas letras galegas como X.L. Méndez Ferrín fixese o prólogo do libro foi todo un privilexio. Quixen achegarlle ó público a miña poesía do xeito que a concibo; con música. Creo que o resultado non deixou a ninguén indiferente pois a xuntanza das artes acostuman a ofrecer algo único.
Ademais, a participación foi moi alta e non podo estar máis agradecido por iso e, volvendo á pregunta, tampouco puiden ter mellores compañeiros de equipo para encher aquela fermosa sala do liceo como o fixemos o pasado 26 de novembro.
A chegada da Intelixencia Artificial e a capacidade de crear textos literarios é un dos maiores temores que teñen na actualidade moitos escritores. Que opinas sobre esta situación?
Aínda que é innegábel que a aparición deste tipo de tecnoloxía está levando un mal uso, non temos que demonizala. Máis ben, coido que hai que entendela xa que é unha ferramenta verdadeiramente útil.
Por outra parte, no eido en que máis perigo lle vexo é no ensino. Cada vez son máis persoas ás que lle fan os traballos a IA. Isto comporta un gran erro xa que invalida o proceso de aprendizaxe, excluíndo o esforzo da ecuación. Niso coido que ten que haber unha intransixencia absoluta pois o que non se pode permitir é que predomine o automatismo e a comodidade, pois non é máis que unha estafa. É vender fume, vender algo que non fixemos nin somos. Por desgraza, esa filosofía é, nótese a connotación sarcástica, trending topic.
O que nos debe asustar é a falta de espírito crítico e a ignorancia.
Dito isto, a intelixencia artificial pode escribir libros ou o que lle pidas, agora ben, o que non che poderá escribir é literatura. A literatura ten esencia e sobre todo autenticidade, atributo que non casa moito con iso de «artificial«, comportando así un implacable oxímoro que nos debería de tranquilizar, polo menos, ós escritores.
Estás estudando psicoloxía e lingua e literatura galegas na Universidade de Santiago de Compostela. Como será o futuro de Alexandre Corbillón?
Pois encantaríame combinar ámbalas dúas disciplinas xa que se complementan. Non son, en ningún caso, excluíntes. Por unha banda, o traballar no ensino é algo moi importante para min pois significa que poderei transmitir o aprecio con que deberiamos trata-la nosa lingua. Como comentei antes, tiven a sorte de ter uns mestres excepcionais e dalgún xeito continuar co seu labor é algo que me motiva e me impulsa a seguir adiante.
Por outra banda, no ámbito da psicoloxía, quero seguir formándome para chegar a ser un bo profesional. Aínda non teño moi clara a rama á que me vou dedicar, se á forense, clínica ou social, mais para iso aínda teño un chisco de tempo.
Que novidades nos vas ofrecer neste ano 2025?
Actualmente teño varios proxectos que me dan voltas na cabeza aínda que o máis tanxible é un novo poemario.
Tamén farei algunha presentación máis d’O segredo do trasno. A máis próxima será este vindeiro 6 de febreiro na librería Númax, en Santiago.