Os desprazamentos en Ourense durante o Nadal 2025-26 volverán incrementar de forma notable o tráfico viario, segundo as previsións da Dirección Xeral de Tráfico.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, pediu hoxe máxima prudencia nas estradas durante estas datas festivas, nas que se agardan 314.000 movementos de vehículos na provincia.
A DGT prevé 314.000 desprazamentos en Ourense este Nadal
O chamamento realizouse con motivo da Operación Especial de Tráfico Nadal 2025-26, iniciada o pasado 19 de decembro e que se prolongará ata a medianoite do martes 6 de xaneiro. A primeira fase da campaña coincidiu, ademais, con avisos por nevadas, especialmente nas vías A-52 e N-525.

Segundo explicou Santos, nestas datas conflúen factores que complican a condución. “Xúntanse menos horas de luz, máis tráfico e condicións meteorolóxicas adversas, polo que é fundamental moderar a velocidade, empregar sempre o cinto e o casco e non consumir alcohol nin drogas antes de conducir”, subliñou o subdelegado do Goberno.
Tres fases de tráfico en Ourense
As previsións do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste e Cantábrico dividen a operación especial en tres fases diferenciadas. A Primeira Fase, entre o 19 e o 25 de decembro, concentra arredor de 120.000 desprazamentos. Na Segunda Fase, do 26 de decembro ao 1 de xaneiro, superaranse os 109.000 movementos. A Terceira Fase, entre o 2 e o 6 de xaneiro, será a de menor intensidade, con preto de 77.000 vehículos previstos.
A estas cifras hai que engadir os milleiros de desprazamentos curtos diarios. Estes están relacionados co ocio, as compras e o turismo vinculado ás decoracións e luces de Nadal, cada vez máis frecuente na provincia.
Horas máis desfavorables para viaxar
Desde a Subdelegación do Goberno recoméndase evitar desprazamentos en horas desfavorables e moi desfavorables. A DGT sinala que os venres 26 de decembro e 2 de xaneiro, o peor tramo horario sitúase entre as 18:00 e as 21:00 horas, sendo desfavorables tamén as franxas inmediatamente anterior e posterior.
Tamén se desaconsella viaxar os sábados entre as 9:00 e as 14:00 horas. Ademais, os días xoves 25 e domingo 28 de decembro, así como o martes 6 de xaneiro, o horario máis complicado será entre as 19:00 e as 21:00 horas, ampliándose as horas desfavorables ata as 22:00.
Desde a DGT e a Subdelegación do Goberno insístese na necesidade de planificar as viaxes, consultar o estado das estradas e extremar a precaución para reducir o risco de accidentes durante este Nadal en Ourense.
