Asotrame instalará este luns, 23 de novembro, unha mesa informativa no Hospital Universitario de Ourense (CHUO) para sensibilizar sobre a importancia da doazón de medula ósea e captar novos potenciais doantes.
A iniciativa desenvolverase entre as 9:30 e as 12:00 horas e contará coa participación dunha traballadora social da Asociación galega de persoas con enfermidades oncohematolóxicas e dun voluntario que superou unha leucemia ou un linfoma grazas a un transplante de medula.
O CHUO acolle unha campaña para fomentar a doazón de medula
A través desta acción, Asotrame pretende achegar información á cidadanía, resolver dúbidas e desmontar mitos sobre un proceso que pode salvar vidas. De feito, o transplante de medula é a única alternativa para moitos pacientes con cancro hematolóxico que non atopan un familiar compatible.

A asociación lembra que 45 persoas con cancro hematolóxico salvaron a vida en Galicia durante 2025 grazas a doantes anónimos. Por iso, anima ás persoas de entre 18 e 40 anos e con bo estado de saúde a inscribirse no rexistro de potenciais doantes.
A actividade conta co apoio da Deputación de Ourense. Asotrame tamén explica que o 90% das doazóns se realizan mediante un procedemento similar á aférese de compoñentes sanguíneos.

