O Domingo Oleiro do Entroido de Xinzo de Limia convértese hoxe nunha xornada clave da programación festiva, cun protagonismo absoluto da tradición, a participación popular e a animación musical nas rúas da vila.
A actividade comeza ás 12:30 h coa saída do Carro das Olas dende o Museo do Entroido, marcando o inicio oficial dunha mañá chea de simbolismo.
O Domingo Oleiro anima o Entroido de Xinzo de Limia
Media hora máis tarde, ás 13:00 h, a Praza Maior acolle o Oleiro Infantil. Esta é unha das citas máis esperadas polas familias pois garante a transmisión xeracional dunha das tradicións máis singulares do Entroido limiao.

Durante toda a mañá, a festa esténdese polas rúas coa animación de pasarrúas a cargo de A Requinta da Laxeira e grupos locais. Estes encherán o casco urbano de música e ambiente festivo.
Xa pola tarde, ás 16:00 h, o Carro das Olas volve saír do Museo do Entroido. Nesta ocasión estará acompañado por A Requinta da Laxeira e o Coro Aimil, antes de dar paso ao momento central da xornada. Ás 16:30 h, celébrase o Oleiro na Praza Maior e polas rúas do Casco Vello, un ritual colectivo que concentra numerosos participantes e público.
Ao longo de todo o día, a animación de rúa corre a cargo dos grupos A Requinta da Laxeira, Tarde Piaches, Lirolaio, Os da Pedra Alta, Aimil Folck e Os Galos de Antioquia. O Domingo Oleiro é unha das citas máis emblemáticas do Entroido de Xinzo de Limia, considerado un dos máis longos e tradicionais de Europa.

