Eduardo Blanco Amor, 125 anos na Auria. Artigo de Cristina Cruz, secretaria de educación de la CEM del PSdeG-PSOE de Ourense
“Yo era un niño triste, en un pueblo triste”
Eduardo Blanco Amor, 125 anos na Auria
Escribir unhas liñas sobre Eduardo Blanco Amor co gallo do 125 aniversario do seu nacemento é unha tarefa ben pracenteira e chea de responsabilidade. Ningunha figura literaria, quizais, puxo a Auria (trasunto de Ourense) no punto de mira cultural, social, vital como el o fixo. Un home que, pese a vivir a maior parte da súa vida no exilio, en Arxentina. Nunca olvidou a súa infancia e mocidade que lle serviu para contextualizar novelas como La catedral y el niño, A Esmorga ou Xente ao lonxe.
Escritor e periodista, Blanco Amor xenerou controversia por distintas cuestións: idiomáticas, xa que el mesmo dixo: “Non fun falante infantil do galego”; políticas, pola súa diverxencia ideolóxica no seo do Partido Galeguista e, posteriormente, a defensa dos valores republicanos na dictadura franquista e, no ámbito máis persoal, unha homosexualidade criticada por “ostentosa”.
Alén diso, e como moitos estudos afirman, o escritor ourensán crea unha lingua literaria nova, vinculada ao neorrealismo social, ao relato moderno hispanoamericano e, como non, á literatura galega. Se unha novela sobresae de entre toda a súa produción artística é A Esmorga. Levada ao cine en dúas ocasións, en 1977 da man de Gonzalo Suárez e en 2014, de Ignacio Villar, a obra transcende o ámbito literario e convértese nun fenómeno cultural moito máis amplo. Nela, e a través das vivencias brutais, míseras e desoladoras de tres esmorgantes polas rúas de Auria durante 24 horas, faise unha crítica á sociedade, aos poderes fácticos da época na que transcorren os acontecementos. É un relato tráxico no que as forzas naturais, como a choiva, a lúa ou o frío, precipitan un final no que só a morte ten sentido. Non hai esperanza para os marxinados.
Por todo isto, A Esmorga é un clásico dentro da literatura galega. Alguén escribiu que a mellor maneira de disfrutala é léndoa nunha tarde de choiva.
O recoñecemento de EBA e outras figuras literarias e/ou artísticas, non poden quedar só nas aulas; teñen que facerse visibles na rúa, no teatro, no cine, nas bibliotecas, nas conversas, …
A liberdade á que el aspirou só se consegue por medio da educación e da cultura. “A liberdade de soñar durmidos e espertos” esa á que aspiramos quen seguimos crendo que unha Bela Auria é posible así sairemos este sábado á rúa a recordar os entramados da Esmorga nos soños de Blanco Amor.
Eduardo Blanco Amor, 125 anos na Auria. Artigo de Cristina Cruz, secretaria de educación de la CEM del PSdeG-PSOE de Ourense