O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, reafirmou o compromiso do Goberno de España co medio rural de Ourense.
Este compromiso móstrase a través do pago de axudas directas a gandeiros e agricultores afectados polos grandes lumes forestais do pasado verán.
Eladio Santos reafirma as axudas aos afectados polos lumes
Fíxoo durante unha visita a unha explotación gandeira da empresa Viduane, na que os campos e valos resultaron calcinados polos incendios.

Durante o encontro, Eladio Santos reuniuse co gandeiro Domingo Antonio Vidueiro para coñecer de primeira man as súas preocupacións e poñerse á súa disposición para o que precise. A empresa xa recibiu unha axuda de 10.000 euros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Na visita estivo tamén presente a concelleira da Mezquita, Cristina Clavería.
O subdelegado lembrou que o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciara na súa visita a Valdeorras no mes de setembro que as axudas se abonarían antes de que rematase o ano. Segundo subliñou, “unha vez máis, o Goberno cumpre con Ourense”. Santos destacou que “o pago de máis de 4,9 millóns de euros a gandeiros e agricultores galegos demostra que este Goberno está do lado das persoas que sosteñen e traballan o noso medio rural”.
Máis de 27,8 millóns de euros en axudas directas
O MAPA iniciou o pasado 3 de decembro o pago de máis de 27,8 millóns de euros en axudas directas a 9.679 agricultores e gandeiros de toda España. As persoas beneficiarias recibiron un aviso no seu teléfono móbil confirmando o ingreso da axuda na conta bancaria correspondente. As contías concedidas sitúanse entre os 1.500 e os 10.000 euros.
O groso das axudas, 21,5 millóns de euros, destínase a 3.446 persoas afectadas para compensar a perda de renda. Desta partida, máis de 4 millóns de euros corresponden a Galicia. Os outros 6,3 millóns de euros diríxense á elevación da subvención pola contratación do seguro agrario. Este alcanza ata o 70 % do custo da póliza, beneficiando a 6.647 titulares de explotacións. En Galicia, esta liña supón máis de 965.000 euros.

