O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, inaugurou esta mañá o novo elevador que conecta a avenida de Marín coa avenida de Santiago, no barrio da Ponte, unha infraestrutura chamada a mellorar de forma notable a accesibilidade e mobilidade urbana na cidade.
Este proxecto contou cun orzamento de licitación de 368.937,03 euros. O Concello asumiu 290.051,30 euros con fondos propios, mentres que 78.885,73 euros proceden dos fondos europeos Next Generation.
Inauguran o elevador entre a Avenida de Marín e a Avenida de Santiago
A actuación resolve unha conexión histórica marcada polas barreiras arquitectónicas.

Ata o de agora, o tránsito entre ambas avenidas realizábase mediante unha serie de escaleiras que salvaban un desnivel de 7,87 metros. Esta circunstancia dificultaba a mobilidade das persoas con diversidade funcional, maiores ou con carriños de bebé.
Co novo sistema de elevación vertical, o goberno municipal elimina esas limitacións e facilita tamén o uso da bicicleta, xa que as pendentes existentes complicaban o tránsito ciclista.
Características técnicas da infraestrutura
A solución adoptada inclúe a instalación dun elevador protexido por unha estrutura metálica acristalada, que garante seguridade e integración urbana. Ademais, construíuse unha pasarela que conecta o ascensor co muro da avenida de Santiago. As escaleiras previas mantéñense como alternativa complementaria para os peóns.

