Sobrado do Bispo acollerá, entre o 12 e o 20 de xullo, a segunda edición do festival cultural Emulart, unha iniciativa nacida da veciñanza e apoiada polo Concello de Barbadás a través da Concellería de Cultura.
O programa inclúe 15 actividades artísticas en localizacións tan diversas como prazas, o convento ou o bar da vila.
Emulart 2025 en Sobrado do Bispo: sete días de cultura
“Sobrado sempre foi faro de cultura e referente en todo o concello”, salienta o alcalde Xosé Carlos Valcárcel, quen destaca a vocación do festival por recuperar e potenciar a cultura desde o ámbito rural.

Emulart ofrecerá propostas de música clásica, contemporánea, tradicional, exposicións, cinema e escultura, entre outras disciplinas.
A concelleira de Cultura e veciña da parroquia, Ana Peleteiro, puxo en valor a implicación das asociacións culturais como Porta da Cadea e Voces e Cordas, e subliñou o entusiasmo da veciñanza na edición pasada: “Para nós é un orgullo colaborar e convidamos a todos a desfrutar desta programación diversa e enriquecedora”.
O director artístico do evento, Rafael Yebra, destacou que “a cultura non necesita sempre dun auditorio; agora pode atoparse en calquera espazo”. A súa intención é consolidar un lugar de encontro e desenvolvemento artístico que dinamice a vida social e cultural do municipio. “Emulart aspira a converter Sobrado e Barbadás no epicentro da cultura nestas datas”, engadiu.
O festival arrancará o día 12 coa actuación de Rafael Yebra e Oswaldo Oro na igrexa da localidade, abrindo sete días de arte, convivencia e celebración no corazón da comarca.
Programa completo do festival Emulart 2025 en Sobrado do Bispo
Do 12 ao 20 de xullo
Lugar: Multiusos Rúa Xisterna
Exposicións permanentes:
- Leonardo Rial
- Mirar Pro-Fondo
- Andrés Conde: Lume e Ferro
- Encarnación García: O rumor das agullas
- José López: Viaxando no tempo
- Litofanías 3D: Eclipse
Sábado 12 de xullo
20:00 h – Igrexa
Rafael Yebra & Oswaldo Oro – Músicas do mundo
Domingo 13 de xullo
18:00 h – Igrexa
Fuchs Dúo – Música de cámara
Luns 14 de xullo
20:00 h – Praza de San Xoán
Vagalumes – Música e danza tradicional
Martes 15 de xullo
20:00 h – Igrexa
Valla-Brass – Quinteto de metais
Mércores 16 de xullo
20:00 h – Convento
Festival RIR – Curtametraxes de comedia
Xoves 17 de xullo
19:00 h – Igrexa
Kantantibus – Coro de cámara
Venres 18 de xullo
20:00 h – Campo do Carril
Teatro do Atlántico presenta Deus non quere caldeiradas
Sábado 19 de xullo
22:00 h – Bar do Nani
Manuel Cebrián Trío – Jazz
Domingo 20 de xullo
20:00 h – Igrexa
Xove Orquestra Ourensana – A luz das candeas (Música e Patrimonio)
