Noticias

Xinzo de Limia presenta o Entroido 2026

O Entroido 2026 de Xinzo de Limia celebrarase do 24 de xaneiro ao 22 de febreiro, cun programa que combina tradición ancestral, grandes concertos e máis de 70 actuacións de rúa, consolidando á vila como referente do inverno festivo en Galicia.

O Concello de Xinzo de Limia deu a coñecer este venres unha programación que se estenderá durante cinco semanas, cun calendario intenso que mestura o respecto polos ritos históricos co atractivo de eventos musicais de primeiro nivel, capaces de atraer a milleiros de visitantes.

Xinzo de Limia presenta o Entroido 2026

O ciclo abrirase o sábado 24 de xaneiro co tradicional Petardazo, que contará coa actuación de Henry Méndez e da Orquestra Origen. Outro dos pratos fortes chegará o venres 13 de febreiro, coa II Festa Glam, que nesta edición traerá a Xinzo ao grupo Locomía, recuperando a estética e os sons icónicos dos anos 80 e 90.

Xinzo de Limia presenta o Entroido 2026
Foto: Concello de Xinzo de Limia

A música seguirá sendo protagonista no Domingo Corredoiro (8 de febreiro) coa actuación da Orquestra París de Noia. O Domingo de Entroido será a quenda da Orquestra Miramar. O programa inclúe tamén sesións con formatos alternativos como La Duendeneta, presente na noite do Domingo de Entroido e na sesión vermú do Luns.

Máis de 25 agrupacións e 70 pases de animación

O Entroido 2026 contará cunha programación de rúa sen precedentes, con máis de 25 agrupacións musicais e arredor de 70 pases de animación. Entre as charangas destacan Achicoria, Élite, La Nota, BCB ou Stacazzo, xunto a propostas de gran éxito popular.

Publicaciones relacionadas

A música tradicional galega manterá un papel central con formacións como A Requinta da Laxeira ou o concerto do grupo folk Os D’Abaixo, previsto para o sábado 31 de xaneiro tras o Colgamento do Meco.

Tradición intacta e protagonismo das Pantallas

O programa respecta a estrutura clásica do Entroido de Xinzo, co Domingo Fareleiro (25 de xaneiro), o Colgamento do Meco (31 de xaneiro), o Domingo Oleiro (1 de febreiro) e os días grandes de Corredoiro e Entroido. As Pantallas, símbolo único da festa, farán a súa primeira aparición no Domingo Corredoiro, reafirmando a identidade desta celebración declarada de interese turístico.

Xinzo de Limia presenta o Entroido 2026
Cartel do Entroido de Xinzo de Limia 2026.

Volve o Festival da Canción Humorística

Unha das novidades máis destacadas é a recuperación do Festival da Canción Humorística, que se celebrará o sábado 14 de febreiro na Praza Maior. O certame devolverá á programación oficial a sátira, a crítica social e a retranca, elementos esenciais do Entroido tradicional.

Motor económico e proxección exterior

Desde a Concellería de Festas e Xuventude, o Concello subliña que esta programación busca reforzar o Entroido como principal motor económico de Xinzo. Tamén ven este evento como unha ferramenta clave de proxección exterior. A vila prepárase así para recibir a milleiros de persoas baixo unha idea clara: o Entroido de Xinzo non se explica, vívese.

Botón volver arriba