Noticias

Frei Canedo da Ponte quenta motores para o Entroido

A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte presentou o programa do Entroido 2026, que se celebrará do xoves 12 ao luns 16 de febreiro, coa carpa do parque da Ribeira de Canedo como epicentro.

A entidade destaca que está todo preparado para unha nova edición dunha festa consolidada e con gran participación veciñal.

Frei Canedo da Ponte quenta motores para o Entroido

O programa inclúe propostas para todos os públicos e mantén actividades xa clásicas, xunto con novas apostas. Segundo a asociación, o obxectivo é “seguir fomentando a participación e superar as cifras do ano pasado”, cando máis de 35.000 persoas pasaron pola carpa.

Frei Canedo da Ponte quenta motores para o Entroido
Cartel do Entroido de Frei Canedo.

Entre os momentos máis destacados figura o pregón-sermón de Champi Muros. Este terá lugar o luns 16 ás 19:30 h desde a balconada da cafetería Don Gaetano. Tamén se repiten o concurso de escaparates, o concurso de comparsas —con máis premios este ano— e a elección do cartel oficial mediante concurso público.

O Entroido arrancará coa Gran Festa de Comadres o xoves 12, con cea popular e música, e continuará con desfiles, pasarrúas, festas DJ, actuacións musicais e actividades infantís durante toda a fin de semana. O luns de Entroido volverá ser o día grande, coa procesión, entrega de premios, folión de fogos artificiais e a actuación da orquestra Solara.

Desde a organización agradecen a colaboración do Concello de Ourense, das empresas patrocinadoras e do tecido comercial do barrio, e animan á cidadanía a participar nun Entroido que “volta estar listo para encher a Ponte de festa”.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.