O Entroido de Mugares 2026 converterá de novo esta parroquia do concello de Toén nun referente do entroido tradicional da provincia de Ourense.
No 2026 contará cun programa que se desenvolverá entre o 7 e o 17 de febreiro e que combina divulgación cultural, xogos populares, música, humor e gastronomía.
O Entroido de Mugares 2026 aposta pola tradición e a festa popular
O Entroido de Mugares 2026 arrincará o venres 7 de febreiro. Será ás 17:00 horas, no Centro de Interpretación do Entroido, coa 2ª conferencia do Ciclo do Entroido. A xornada estará dedicada ao Entroido dos “Animalario” de Galos da Mezquita, a cargo de Carlos Xabier Ares. O acto rematará cunha chocolatada popular aberta a todas as persoas asistentes.

A programación continuará o sábado 8 de febreiro, desde as 12:00 horas, na praza, fronte á igrexa parroquial, co tradicional Xogo do Galo – Domingo Corredoiro. Haberá premio para quen dea collido o galo, música durante todo o xogo e pasarrúas cos Gaiteros de Castrodeallo, nunha cita que recupera unha das tradicións máis singulares do entroido rural.
O domingo 15 de febreiro será unha das xornadas máis festivas. Desde as 16:00 horas, na carpa do local social de Mugares, celebrarase “As Comedias”, coas que se garante unha tarde de risas. Durante o acto farase entrega do Premio do Cartel e dos galardóns ao mellor disfrace, con premios de 30 euros na categoría infantil, 50 euros na adulta e 200 euros para grupos (mínimo cinco persoas). A festa prolongarase cun karaoke con DJ Smile e un concerto de Sublinhar.
O Martes de Entroido, 17 de febreiro, chegará o Día Grande. A partir das 12:00 horas terá lugar a saída dos Labardeiros desde a igrexa, mantendo a tradición de que quen non garde o festivo paga ronda. Ás 12:30 horas celebrarase a sesión vermú no local social, seguida dun cocido popular, con tickets á venda ata o 12 de febreiro. Pola tarde, ás 16:00 horas, sairá a comparsa animada pola Charanga Os Chafalleiros, pechando o Entroido de Mugares 2026 cun ambiente festivo e participativo.


