A Pobra de Trives prepárase para vivir unha das celebracións máis singulares do verán galego: o 15º Entroido de Verán, que terá lugar os días 8, 9 e 10 de agosto de 2025.
Esta edición promete volver converter as rúas da vila nun escenario de festa e tradición, combinando elementos do entroido máis auténtico coa calor estival.
A Pobra de Trives celebra o seu 15º Entroido de Verán
A programación arranca o venres 8 de agosto, ás 23:00 horas, cunha sesión musical a cargo do DJ Isra na Praza do Dr. Paz, poñendo ritmo ao inicio dun fin de semana cheo de actividades.
O sábado 9 de agosto, desde as 11:00 h, abrirá o mercadiño na zona vella. A sesión vermú estará animada pola música de Os Trabazos, que tamén actuarán nesa mesma zona. Pola tarde, ás 18:00 h, disputarase un campionato de billarda na Finca da Barreira, un dos xogos tradicionais máis populares de Galicia. A música tradicional tamén estará presente coa banda de gaitas Os Trintas, que ofrecerán un concerto na Praza do Reloxo a partir das 20:00 h. Xa na madrugada, Mario Colomán & The Clocks Band animarán a praza co seu concerto ás 00:00 h, seguido da sesión do DJ Sedinho.
O domingo 10 de agosto continuará o ambiente festivo coa reapertura do mercadiño ás 11:00 h e unha nova sesión vermú con BG Os Trintas. Como colofón, ás 18:00 h, celebrarase un desfile de folións que partirá da Finca da Barreira, devolvendo ás rúas de Trives o son ancestral dos bombos e as mázcaras.

Esta cita, organizada pola Asociación Cultural Macizas Centrais e o Folión Os Labregos, co apoio do Concello da Pobra de Trives. Consolídase como unha das máis esperadas do calendario estival ourensán, mesturando tradición, música e identidade popular.