O Entroido de Verín 2026 xa ten cartel anunciador, unha obra chea de cor, diversidade e sentimento colectivo creada polo estudo creativo Pruden Tattoo, integrado por Anxo Varela “Pruden” e Lúa Lomo.
A presentación tivo lugar esta mañá coa participación da concelleira de Cultura, Turismo e Festexos, Samanta Barreira, xunto coas persoas autoras da proposta.
Verín presenta o cartel do Entroido 2026
Durante o acto puxéronse en valor as múltiples formas de vivir o Entroido, sempre desde unha perspectiva compartida e colectiva.

O cartel incorpora o tradicional Cigarrón xunto con outros elementos emblemáticos da festa. Aparecen referencias á fariña, ás charangas e aos capuchóns, así como á Raíña do Entroido, Don Carnal, os compadres e comadres e tamén ás persoas visitantes que chegan doutros lugares para participar na celebración. A composición busca representar un Entroido plural, vivo e interxeracional.
Desde o Concello de Verín destacan que a imaxe é unha reinterpretación contemporánea das tradicións locais, sen perder a súa esencia. A institución municipal subliña que esta aposta polo talento creativo local reforza a identidade do Entroido como unha celebración aberta, participativa e profundamente arraigada na vila.


