Eventos

Entroido de Verín 2026: tradición, Xantar do Capuchón e 165 horas de música

O Entroido de Verín 2026 reforza a súa identidade cunha programación que aposta pola tradición, a participación veciñal e a festa nas rúas durante todo o día, combinando música, gastronomía e citas emblemáticas que consolidan a celebración como unha das máis destacadas de Galicia.

O Concello de Verín presentou un programa que se desenvolverá entre o xoves de Compadres, 5 de febreiro, e o martes de Entroido, 17 de febreiro, cun calendario intenso que suma máis de 165 horas de música en directo e 56 actuacións.

Entroido de Verín 2026: tradición, Xantar do Capuchón e 165 horas de música

Charangas, grupos, orquestras e animacións itinerantes converterán a vila nun escenario festivo permanente en datas clave como o 5, 7, 8, 12, 13, 14, 15, 16 e 17 de febreiro.

Entroido de Verín 2026: tradición, Xantar do Capuchón e 165 horas de música
Foto: Concello de Verín

A concelleira de Turismo, Cultura e Festexos, Samanta Barreira, destacou que «o Entroido de Verín é unha festa que se vive na rúa, desde a mañá ata a noite, e esta programación busca reforzar ese carácter aberto, participativo e popular que o define». Segundo explicou, a edición de 2026 mantén a esencia da celebración ao tempo que incorpora novas propostas para potenciar o Entroido de día.

O Xantar do Capuchón, principal novidade

A gran novidade deste ano é o Xantar do Capuchón, que terá lugar o sábado 7 de febreiro desde a mañá. A iniciativa busca poñer en valor unha das figuras máis identitarias do Entroido de Verín, fomentando a convivencia, a participación veciñal e a recuperación da festa diúrna. O xantar celebrarase no Pavillón de Deportes, cun prezo de 28 euros, sendo gratuíto para menores de seis anos, con retirada previa de ticket.

Publicaciones relacionadas

Barreira animou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar activamente, sinalando que «queremos que o Xantar do Capuchón sexa unha xornada para vivir o Entroido como se fixo sempre: na rúa, compartindo mesa, música e festa». Engadiu que a proposta «pon en valor a gastronomía, a convivencia e a participación, sinais de identidade da festa en Verín».

Grandes actuacións e protagonismo das charangas

No apartado musical, o Entroido de Verín 2026 contará con orquestras e grupos de referencia como Miramar, Marbella, La Oca Band, Alkar, Triunfo, La Banda de Ayer, Grupo América ou Magos, ademais de actuacións como Pappaquino, sesións de DJ e discos móbiles. As actuacións concentraranse principalmente na Praza García Barbón, epicentro das grandes noites festivas.

As charangas volverán ser a alma sonora do Entroido, acompañando desfiles, sesións vermú e animacións itinerantes desde a mañá ata a noite. Agrupacións como Los Támega, Noroeste, Vakapinta, TDB, Airiños do Cereixo, Os Kokakolas, Xuntanza, Como Queiras Band ou Jalácticos garantirán música continua nas rúas e un ambiente festivo constante.

Citas emblemáticas e homenaxe no Domingo de Corredoiro

O programa mantén as citas máis emblemáticas da celebración, como o xuízo e queima do Maragato no xoves de Compadres, o Domingo de Corredoiro, o Desfile Infantil de Comadres, o día de compadreo e os grandes desfiles do domingo e do martes de Entroido. Tamén haberá propostas específicas para público familiar e infantil, especialmente o luns de Entroido.

O Domingo de Corredoiro incluirá un momento especialmente emotivo coa Vaquerada – Homenaxe a Toño Torcuato “O Cesteiro”, último vaqueiro de Verín. O acto, organizado polas súas amizades, contará cunha concentración de vaqueiros, pasarrúas e un homenaxe público na Praza Maior, convidando á participación colectiva con vestimenta tradicional.

Desde o Concello sublíñase que o Entroido de Verín 2026 consolida un modelo festivo sen perder a súa esencia, combinando tradición, participación e festa colectiva.

Programa do Entroido de Verín 2026

Xoves de Compadres · 5 de febreiro

24:00 h Percorrido dos compadres e xuízo e queima do Maragato (Rúas de Verín / Praza García Barbón).
24:00 h Charanga Los Támega (Praza García Barbón).
01:00–03:00 h Enjoy Eventos (Praza García Barbón).

Sábado do Capuchón · 7 de febreiro

12:30 h Sesión vermú Charanga Los Támega (Praza García Barbón).
14:30 h Xantar do Capuchón (Pavillón de Deportes).
17:00 h Animación musical Los Támega (Rúa Irmáns Moreno – Rúa Montemaior).

Domingo de Corredoiro · 8 de febreiro

11:30–14:00 h · Charangas Los Támega, Noroeste, Airiños do Cereixo (rúas de Verín).
12:30 h · Actuación de A Gramola (Praza da Alameda).
13:30 h · Pregón do Entroido (Praza García Barbón).
17:00–19:00 h · A Gramola (Praza da Alameda).
18:00 h · Vaquerada – Homenaxe a Toño Torcuato “O Cesteiro”, último vaqueiro de Verín: concentración de vaqueiros (Rúa Montemaior).
18:30 h · Pasarrúas da Vaquerada ata a Praza Maior, acompañados de charanga.
19:00 h · Acto de homenaxe, a cargo de Xosé Carlos Caneiro e Manolo Cazoleiro (Praza Maior).
19:00–22:00 h · Orquestra Salsarena (Praza García Barbón).

Xoves de Comadres · 12 de febreiro

11:45 h Desfile Infantil de Entroido (Rúas Deputación, Luís Espada e Lisa).
23:00 h Enjoy Eventos + A Gramola (Praza García Barbón).
01:00–04:00 h Orquestra Marbella (Praza García Barbón).

Venres de Compadreo · 13 de febreiro

19:00 h Carrada do compadreo con Festicultores Troupe (Barrio de San Lázaro – Rúa Irmáns Moreno).
20:00 h Disco Móbil Space (Rúa Irmáns Moreno).
00:30–03:30 h Orquestra Miramar (Praza García Barbón).

Sábado de Entroido · 14 de febreiro

11:30–14:00 h Charangas Jalácticos e Airiños do Cereixo (Rúas de Verín)
12:30 h Concerto vermú Somoza Trío (Praza García Barbón)
17:00–22:00 h Circuíto de charangas (Montemaior, Lisa, Cruz, Praza do Cigarrón e Praza García Barbón)
18:30–19:30 h Pappaquino (Praza García Barbón)
20:00–23:00 h La Oca Band (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h Alkar (Praza García Barbón)

Domingo de Entroido · 15 de febreiro

12:00 h Gran desfile matinal (Rúas de Verín)
19:00–22:00 h Orquestra Triunfo (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h La Banda de Ayer (Praza García Barbón)

Luns de Entroido · 16 de febreiro

11:30–14:00 h Charangas Xuntanza e Os Kokakolas (Rúas de Verín)
17:00–20:00 h Entroido Infantil (Pavillón Municipal de Deportes)
17:00–20:30 h Disco Móbil Mono (Praza García Barbón)
20:30–22:00 h e 00:30–02:00 h JB Son (Praza García Barbón)

Martes de Entroido · 17 de febreiro

16:30 h Derradeiro desfile (Rúas de Verín)
19:00–22:00 h Grupo América (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h Magos (Praza García Barbón)

Botón volver arriba