O Goberno de España declarou hoxe os Entroidos do Oriente Ourensán como Festa de Interese Turístico, segundo recolle o Boletín Oficial do Estado (BOE).
A distinción foi celebrada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e polo subdelegado en Ourense, Eladio Santos, quen felicitaron aos concellos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso polo seu traballo conxunto para preservar esta tradición.
Os Entroidos do Oriente Ourensán, recoñecidos como Festa de Interese Turístico
Pedro Blanco destacou que o recoñecemento “honra o esforzo colectivo dos veciños e veciñas que, xeración tras xeración, mantiveron viva a esencia do Entroido”. O delegado salientou tamén que a distinción “pon en valor a singularidade cultural e a identidade galega”, ao tempo que anticipa un “revulsivo para o turismo” na comarca.

A solicitude conxunta presentada polos tres municipios foi avaliada pola Secretaría de Estado de Turismo, que salientou o carácter ancestral, a riqueza cultural e o atractivo turístico desta celebración.
Unha tradición ancestral
Os Entroidos do Oriente Ourensán agrupan as festas tradicionais destes tres municipios limítrofes, caracterizadas polas procesións coñecidas como folións, nas que veciños e aldeas participan en intercambios festivos. Entre os elementos máis recoñecidos están as máscaras e personaxes como o Boteiro, figura central en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, e a tradicional mázcara de Manzaneda.
De orixe pagá e asociado ao cambio de estación, o Entroido desta comarca mantén referencias a culturas antigas como a romana, celta ou grega. Ademais, conta cun forte impulso promocional grazas a iniciativas como o Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask, que reúne en Viana do Bolo e Vilariño de Conso algunhas das máscaras máis espectaculares de Galicia, España e Portugal.