O Entrudio de Viana do Bolo, declarado recentemente Festa de Interese Turístico Nacional, consolídase como un dos grandes referentes culturais da provincia de Ourense.
Así o subliñou hoxe o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, durante a súa asistencia á comparsa celebrada na aldea de San Mamede.
O Entrudio de Viana reforza o seu valor tras o recoñecemento nacional
Santos puxo en valor o recoñecemento acadado polo Entrudio vianés, xunto cos entroidos de Manzaneda e Vilariño de Conso, unha distinción que, segundo indicou, “sitúa a este territorio como referente do patrimonio inmaterial da provincia de Ourense”.

O subdelegado destacou tamén o papel das parroquias e das aldeas na conservación das tradicións. “San Mamede mantén con orgullo tradicións que hoxe son un motor cultural, social e económico para a comarca”, afirmou. Santos tamén felicitou aos organizadores pola recuperación da comparsa no ano 2019.
“Sen a implicación dos veciños e veciñas de Viana do Bolo sería imposible manter viva a tradición”, engadiu. O subdelegado puxo o foco no compromiso da cidadanía coa preservación do patrimonio cultural.
Ademais, trasladou os seus parabéns ao Concello de Viana do Bolo polo logro do distintivo estatal. “Quero felicitar aos concellos de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso porque a súa unión e capacidade para traballar xuntos por un obxectivo común, así como a loita por preservar os seus valores culturais, fixeron posible este logro”, salientou.
Unha tradición con estrutura propia
A comparsa tradicional de Viana do Bolo estrutúrase en catro partes ben diferenciadas: o permiso, a ronda, o brindis e a disputa, elementos que configuran unha representación singular dentro do entroido ourensán.
A programación continúa esta mesma xornada coa celebración da comparsa ás 17:00 h na aldea de Pradocabalos. O sábado seguinte repetirase en Quintela de Hedroso e Pinza, mantendo viva unha das expresións máis emblemáticas do entroido tradicional da comarca.

