A Estratexia Galega contra el Idadismo, presentada esta mañá no Liceo de Ourense, centrou a intervención do delegado territorial da Xunta nunha mesa de traballo organizada pola Asociación Mirada Maiores +60.
Na súa primeira intervención, Manuel Pardo afirmou que a nova estratexia “é unha mostra do compromiso do executivo autonómico para construír unha sociedade máis xusta e humana”, unha mensaxe que marcou o inicio da sesión.
Ourense acolle a presentación da Estratexia Galega contra o Idadismo
O delegado destacou o labor da entidade organizadora, liderada por Mª Antonia Rilo, que traballa para mellorar o benestar das persoas maiores de 60 anos. Tamén pretende dar visibilidade ao colectivo e combater estigmas sociais como o idadismo. Esta é unha forma de discriminación que, segundo lembrou, segue moi presente en numerosos ámbitos.

Pardo explicou que esta estratexia, pioneira en Europa, actuará de maneira coordinada en tres frontes principais. No ámbito político e lexislativo, promoveranse normativas que impidan situacións de discriminación. No plano educativo, introduciranse accións que permitan corrixir estereotipos sobre os distintos grupos de idade. Por último, no eido social fomentaranse encontros interxeracionais que faciliten a convivencia e o intercambio entre xeracións.
O documento, que marca unha folla de ruta ata 2031, conta cun investimento inicial de 520.000 euros para activar as tres primeiras actuacións. Estas consistirán en campañas de visibilización para desafiar estereotipos, formación e sensibilización no sistema educativo e a creación dun Comisionado Autonómico contra o Idadismo, encargado de revisar políticas públicas e detectar posibles eivas.
O representante da Xunta lembrou ademais que Galicia foi, en 2022, a primeira comunidade española en contar cunha Cátedra de Idadismo. A mesma foi concibida para “transformar a maneira de pensar, de sentir e de actuar ante o envellecemento”. Subliñou tamén que a OMS recoñece desde 2021 o idadismo como un problema global con base científica.
Para concluír, salientou que o Goberno galego está a reforzar nos últimos anos a oferta de programas e servizos destinados ás persoas maiores, entre eles o voluntariado interxeracional, as aulas sénior, os convenios coas universidades públicas e iniciativas de ocio activo como Benestar en balnearios.
Un comentario